PARA UN MAPA DO ENTUSIASMO

Posted by franciscocastro - 20/11/11 at 09:11 a.m.

Escribo este post o domingo ás oito e pouco, é dicir, antes de que se abran os colexios electorais. Por atafegos laborais intensos non vou pasar por esta Canción ata dentro duns días. Daquela, algúns dos que me visitades, lerédelo xa sabendo que foi o que aconteceu.

Eu non o sei.

Aínda.

Mais sei que onte andiven á tarde pola Cidade da Cultura e vin un burato intenso e inmenso, un edificio sen facer e sen rematar e cheo de auga,  e semella que vai estar así moito tempo, coma unha metáfora tristeira dos recursos que nos quedan e da importancia que globalmente se lle dá á cultura.

E alí estiven falando de libros con profesores e profesoras de literatura galega que cren no seu traballo e nas posibilidades da educación, esa que se sigue recurtando.

E vin familias paseando. E un avó e un neto camiñando moi xuntos. O vello falaba. O pequecho ría. E amantes camiñando. Tiñan que ser amantes polo xeito no que se ollaban. E un namorado ao teléfono. Tiña que ser un namorado pola cara coa que falaba. E vin ao sol deitarse sobre unha Compostela medio adurmiñada. E crucei a autoestrada escoitando aos Berrogüetto. E na casa lin uns poemas de Rosalía. E nas redes sociais achei mensaxes esperanzadas chamando ao voto en clave galega hoxe.

E pensei, e penso a estas horas temperás nas que escribo este post que vai estar aquí algúns días, que o que non podemos perder é o mapa do entusiasmo. Dende o minuto seguinte ao peche das urnas, tócanos encher o oco que eu vin, apoiar aos profesores e profesoras, ás familias que pasean… E si, tamén aos namorados, porque eles soñan un futuro.

O futuro que merece ter a nosa terra e a nosa cultura. Co mapa do entusiasmo na man. Para non perdernos. Para atoparnos.

Os comentarios están pechados.