A VERTIXE DE EMPEZAR UNHA NOVELA

Posted by franciscocastro - 14/11/11 at 03:11 p.m.

O outro lía unha reportaxe na que un grupo de directores de cine coincidían en sinalar que o feito de arrancar coa rodaxe da película era para eles o máis excitante e intenso de todos os procesos que hai que desenvolver para que a fita chegue a ser obra rematada.
Ler isto fíxome pensar que na escrita dunha novela, cando menos para min, a cousa é absolutamente similar.
Eu agora estou comezando cunha nova novela para adultos. Empeceina, fiel ás miñas manías, tres veces distintas, de tres maneiras diferentes. Despois de meses de traballo, xa sei como quero que sexa, xa atopei a súa música, a voz interna coa que vai ser contada.
E daquela (e isto vai ser así durante, cando menos, catro anos… vai ser un parto longo, si) comeza a vertixe. E daquela escribir é saber que tes algo nas mans que pode caer en calquera intre, vivir no mundo pero ao tempo vivir noutro, existir nunha especie de néboa permanente na que cres que ves, pero non miras, ou do revés, non se sabe, e gorentas do licor da creacíón ao tempo que entendes que hai algo de tóxico en vivir nun estado de ficción fabula fantasía permanente…
E iso: a vertixe. Saber que estou no bordo exacto do baleiro, onde podo caer se me despisto. Pero sabendo, tamén, que a perspectiva é única.
Así ando estes días.

Os comentarios están pechados.