¿CAL É A CANCIÓN DA TÚA VIDA E POR QUE?

Posted by franciscocastro - 10/11/11 at 03:11 p.m.


Había ben de tempo que non deixaba unha preguntiña por aquí. A cuestión que vos propoño, o xogo que quero xogar con vós, é ben sinxelo: ¿cal é a canción da túa vida e por que? Non se trata de que me contes cal che gusta máis, senón cal é absolutamente crucial, e o motivo polo que é así de especial, cal canción é esa que ten un significado tan profundo, tanto, que sabes que na túa vida, na túa biografía, na túa memoria, hai cousas que sen esa canción non se entenderían e que, xa que logo, condicionaron dalgunha maneira o teu propio devir existencial.
Se podedes, con ligazón incluida para que poidamos oíla (deixa a resposta aquí, ou no meu facebook ou no meu twitter).
En realidade, a cousa ocorréuseme, coma sempre, cantando a canción esta que deixo aquí, e que podería ser a miña contribución e a miña resposta.
Porque eu levo cos Beatles toda a vida. É, de feito, o meu único vicio confesable. Teño un cento deles máis, pero que poida contar, só este. E daquela, podería poñer esta canción ou outras moitas dos Beatles, pero o certo é que se ollo cara atrás, para os inicios da miña vida, eses iniciais instantes, as memorias máis vellas, o primeiro disco do que me lembro é o LP de A hard day’s night e, concretamente, desta canción. De feito, unha das cousas que máis pracer doméstico me dan é sacar a guitarra (a acústica, acáelle mellor a esta canción) e tocala e cantala.
Eu xa confesei.
Agora tócavos a vós.

Os comentarios están pechados.