Archive for Novembro, 2011

CONTRA A TELEMERDA

29th Novembro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Eu sempre digo que os que escribimos facemos os libros por algo, con algunha clase de intención. É dicir, en cada obra -supoño que é defecto de fábrica- pretendo, ademais de contar unha historia, denunciar algunha parcela da realidade que non me gusta. Igual non é moi do século XXI entender a arte así. Ou igual é moi sesentón. Pero eu non lles sei facer doutra maneira.

Daquela, cando escribín In Vino Veritas, buscaba falar de tres cousas:

1.- Quería facer unha novela sobre o amor levado á súa peor versión: o amor como dependencia, o amor entendido como algo tóxico cando a entrega é toda e a correspondencia nula.

2.- Quería escribir unha novela policial que fose parodia das novelas policiais.

3.- Quería denunciar o telelixo. O que na novela chamo telemerda ou prensa porca.

Agora, leo que o telelixo está a sufrir horas baixas. Caen programas que levaban moito tempo en antena e con grande audiencia (Dónde estás corazón e outros) e, o peor de todo para as teles, moitos anunciantes entenderon (en especial despois da lea que se montou cando La Noria pagou unha millonada á nai dun dos encausados no asasinato de Marta del Castillo) que saen prexudicados cando se publicitan nestes espazos.

Xa se sabe: o poder das redes sociais.

Os teóricos da Comunicación están a chamar a atención sobre este fenómeno de democratización relacionado coa televisión. A través do twitter e do facebook, intervimos, falamos, denunciamos, opinamos, ás veces en tempo real, sobre o que está a pasar no programa.

Daquela, e como xa proclamei hai tempo, é necesario unha especie de revolta de indignación televisiva para acabar, de vez, coa telemerda e prensa porca.

Pola nosa saúde e, incluso, pola nosa hixiene.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UN POEMA PARA ENLAZARSE

26th Novembro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

En Vigo milleiros de mans uníronse onte, enlazadas, contra da violencia de xénero, nunha fermosa iniciativa desenvolvida polo Concello.

Pedíronme unha reflexión e eu, poeta de contrabando, escribín, claro, un poema que podes ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

RAJOY E A FELICIDADE

24th Novembro 2011 by franciscocastro 18 Comentarios

Deixei pasar uns días.

E agora vou dicir algo.

Aínda que xa o dixera todo.

E non vou facer unha sesuda análise política, nin vou centrarme en analizar refundacións ou teitos ou chan ou que ou que.

Vou falar de Rajoy e da felicidade.

Ou de como gañou as eleccións un político que, por unha banda, se negou a responder preguntas dos xornalistas (e sinto por se os xornalistas deixan de falarme, de entrevistarme, etc., pero non souberon ter dignidade profesional. Non eran o cuarto poder? A que vén iso de aturar o insulto máis grave que é dicir, paso de ti, non che acepto preguntas, ti só tes, ti só podes ser, a voz do teu amo, é dicir, a miña  voz?, onde se viu que os xornalistas traguen desa maneira???); ou de como gañou un político que non explicou, en ningún  momento, o seu programa de goberno (vou ser bo -despois da anterior paréntese vou ser bo- e supoñer que ten un plan de goberno)…

Volvo atrás. E vou falar da felicidade. Desa que todos procuramos. Desa mesma que na noite electoral amosaban as moi loiras seareiras dos ppopulares (Rubalcaba el que no bote, socialista el que no bote, yo soy español, español… que viva España…  España, unida, jamás será vencida… foron algúns dos amables e democráticos cantos que se ouvearon alí).

Porque Rajoy, no te lo pierdas, o único que prometeu, durante a campaña, foi que nos faría felices.

A ver como fai. Porque eu vexo por todas partes, aínda, á xente coa cara moi seria.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PARA UN MAPA DO ENTUSIASMO

20th Novembro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Escribo este post o domingo ás oito e pouco, é dicir, antes de que se abran os colexios electorais. Por atafegos laborais intensos non vou pasar por esta Canción ata dentro duns días. Daquela, algúns dos que me visitades, lerédelo xa sabendo que foi o que aconteceu.

Eu non o sei.

Aínda.

Mais sei que onte andiven á tarde pola Cidade da Cultura e vin un burato intenso e inmenso, un edificio sen facer e sen rematar e cheo de auga,  e semella que vai estar así moito tempo, coma unha metáfora tristeira dos recursos que nos quedan e da importancia que globalmente se lle dá á cultura.

E alí estiven falando de libros con profesores e profesoras de literatura galega que cren no seu traballo e nas posibilidades da educación, esa que se sigue recurtando.

E vin familias paseando. E un avó e un neto camiñando moi xuntos. O vello falaba. O pequecho ría. E amantes camiñando. Tiñan que ser amantes polo xeito no que se ollaban. E un namorado ao teléfono. Tiña que ser un namorado pola cara coa que falaba. E vin ao sol deitarse sobre unha Compostela medio adurmiñada. E crucei a autoestrada escoitando aos Berrogüetto. E na casa lin uns poemas de Rosalía. E nas redes sociais achei mensaxes esperanzadas chamando ao voto en clave galega hoxe.

E pensei, e penso a estas horas temperás nas que escribo este post que vai estar aquí algúns días, que o que non podemos perder é o mapa do entusiasmo. Dende o minuto seguinte ao peche das urnas, tócanos encher o oco que eu vin, apoiar aos profesores e profesoras, ás familias que pasean… E si, tamén aos namorados, porque eles soñan un futuro.

O futuro que merece ter a nosa terra e a nosa cultura. Co mapa do entusiasmo na man. Para non perdernos. Para atoparnos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A VERTIXE DE EMPEZAR UNHA NOVELA

14th Novembro 2011 by franciscocastro 10 Comentarios

O outro lía unha reportaxe na que un grupo de directores de cine coincidían en sinalar que o feito de arrancar coa rodaxe da película era para eles o máis excitante e intenso de todos os procesos que hai que desenvolver para que a fita chegue a ser obra rematada.
Ler isto fíxome pensar que na escrita dunha novela, cando menos para min, a cousa é absolutamente similar.
Eu agora estou comezando cunha nova novela para adultos. Empeceina, fiel ás miñas manías, tres veces distintas, de tres maneiras diferentes. Despois de meses de traballo, xa sei como quero que sexa, xa atopei a súa música, a voz interna coa que vai ser contada.
E daquela (e isto vai ser así durante, cando menos, catro anos… vai ser un parto longo, si) comeza a vertixe. E daquela escribir é saber que tes algo nas mans que pode caer en calquera intre, vivir no mundo pero ao tempo vivir noutro, existir nunha especie de néboa permanente na que cres que ves, pero non miras, ou do revés, non se sabe, e gorentas do licor da creacíón ao tempo que entendes que hai algo de tóxico en vivir nun estado de ficción fabula fantasía permanente…
E iso: a vertixe. Saber que estou no bordo exacto do baleiro, onde podo caer se me despisto. Pero sabendo, tamén, que a perspectiva é única.
Así ando estes días.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UNHA ENTREVISTA EN GALICIADIEZ TV

12th Novembro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

A boa xente de GaliciaDiez TV (unha canle en internet pensada para amosar o mellor e máis interesante de Galicia no mundo) fixéronme esta entrevista que vos deixo aquí.

Espero que vos guste.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿CAL É A CANCIÓN DA TÚA VIDA E POR QUE?

10th Novembro 2011 by franciscocastro 16 Comentarios


Había ben de tempo que non deixaba unha preguntiña por aquí. A cuestión que vos propoño, o xogo que quero xogar con vós, é ben sinxelo: ¿cal é a canción da túa vida e por que? Non se trata de que me contes cal che gusta máis, senón cal é absolutamente crucial, e o motivo polo que é así de especial, cal canción é esa que ten un significado tan profundo, tanto, que sabes que na túa vida, na túa biografía, na túa memoria, hai cousas que sen esa canción non se entenderían e que, xa que logo, condicionaron dalgunha maneira o teu propio devir existencial.
Se podedes, con ligazón incluida para que poidamos oíla (deixa a resposta aquí, ou no meu facebook ou no meu twitter).
En realidade, a cousa ocorréuseme, coma sempre, cantando a canción esta que deixo aquí, e que podería ser a miña contribución e a miña resposta.
Porque eu levo cos Beatles toda a vida. É, de feito, o meu único vicio confesable. Teño un cento deles máis, pero que poida contar, só este. E daquela, podería poñer esta canción ou outras moitas dos Beatles, pero o certo é que se ollo cara atrás, para os inicios da miña vida, eses iniciais instantes, as memorias máis vellas, o primeiro disco do que me lembro é o LP de A hard day’s night e, concretamente, desta canción. De feito, unha das cousas que máis pracer doméstico me dan é sacar a guitarra (a acústica, acáelle mellor a esta canción) e tocala e cantala.
Eu xa confesei.
Agora tócavos a vós.

Chuzame! A Facebook A Twitter

‘O SEGREDO DE MARCO POLO’ SAIRÁ EN CASTELÁN E CATALÁN

6th Novembro 2011 by franciscocastro 3 Comentarios

‘O segredo de Marco Polo’ sairá en breve en castelán e catalán. Tàndem Edicions, que xa levou ‘Chamádeme Simbad’ a esas dúas linguas repite agora con esta miña novela destinada ao público xuvenil.

Como Marco Polo foi un gran aventureiro que coñeceu moitas xeografías, enténdese que comece a viaxar cara outras latitudes, outras linguas, outras falas nas que poder ser contadas as súas historias e, sobre todo, a historia de amor que leva dentro o libro.

Como imaxinades, estou máis que contento. E por iso tiña que compartilo con vós.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: ‘Terra’

5th Novembro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Hai un tempo, o artista Anxo Cabada pediunos a un grupo de escritores e escritoras que escribiramos un texto arredor dunha foto para a exposición Terragrafías. A min envioume esta que aquí vos deixo.

Inspiroume o poema ‘Terra’, que agora podedes escoitar, recitado na miña voz, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter