VERGONZA

Posted by franciscocastro - 05/10/11 at 02:10 p.m.

Este domingo sobresaltábanos a ollada deste rapaz, Alphonse Kenyi, quen aos seus catorce anos espera nunha prisión de Sudán do Sur para ser aforcado.

Non me interesa falar dos seus delictos reais ou non.

Eu, do que quero falar é desa mirada de medo, de resignación, de dor, de incredulidade. Unha ollada de vidro e de dureza. Unha ollada de neno. Un xeito de ollar que é a evidencia do fracaso colectivo deste animal aparvado que somos. Gloriosos, porque podemos compoñer a poesía ou cantar cantigas de amor á luz da lúa. Fantásticos, porque podemos estremecernos de beleza vendo un cativo durmir na súa quitude primeira. Pero terribles pois matamos por pracer, facemos dano porque si ou, sen máis, non facemos nada por evitar o sufrimento alleo aínda que saibamos que poderiamos evitalo.

Escribín moitas veces contra dos países que, coma China, están á cabeza na aplicación da pena de morte (convén lembrar que está sancionada moralmente na Declaración dos Dereitos Humanos). Ou dos Estados Unidos, que van de paladíns da liberdade (o seu presidente é Nobel da Paz, manda truco na Habana) ao tempo que executan sobre todo a negros e hispanos sen recursos (os ricos téñeno máis doado).

De nada disto quero falar. A pena de morte non se debe aplicar en ningún caso. A sociedade ten outras maneiras de reprimir. E o máis deleznable dos crimes non é merecente de tal barbaridade.

Pero en realidade, insisto, do que quero falar é de nós como especie. Por iso o que quero é poñer os ollos meus dentro dos de Alphonse. Para ver que atopo aí, que é o que vive aí dentro. E podedes crerme, non atopo a súa maldade, nin a súa perversión, nin a súa brutalidade. Non sei se existe, se é real ou é unha víctima inocente máis.

Repítome: non sei de que lle acusan nin me importa.

O único que sei é que vexo neses ollos e sinto vergoña de ser humano, do ser humano, da humanidade, da Declaración dos Dereitos Humanos, dos gobernos dos estados, das bandeiras, das constitucións.

E vergonza. Moita vergonza.

E un chisco de medo ao saberme parte dunha especie que pode, por lei, coller un  neno e penduralo do pescozo ata asfixialo, romperlle o colo e deixar,así, que morra en nome da xustiza.

De que xustiza estarán a falar…

Os comentarios están pechados.