PROSTITUCIÓN (¿E SE DEIXAMOS DE MERCAR TODOS OS XORNAIS?)

Posted by franciscocastro - 04/10/11 at 04:10 p.m.

Hai moito tempo que entendín que para acabar coa explotación sexual das mulleres sobre quen hai que actuar é sobre os verdadeiros prostituidores, é dicir, sobre os homes que consumen este tipo de “servizos” e que, xa que logo, axudan a perpetuar a escravitude sexual de milleiros de mulleres e nenas no mundo. Ao longo dos anos atopei homes (e algunha que outra muller) que manteñen que iso non é así, que moitas mulleres son prostitutas porque queren.

En fin, o argumento é tan feble e vai tan profundamente contra o sentido común que é mellor non gastar moitas enerxías. Como alguén vai querer libremente estar na rúa exposta a que calquera psicópata a reclame para entrar nun coche. Como calquera vai querer voluntariamente, sendo unha nena (en España hai moita xente que vai a Tailandia e por aí a deitarse con nenas do tempo das súas netas), que un fulano que non coñece de nada a penetre por catro pesos.

Mais insisto que non todo o mundo ten claro isto. De feito, lembro unha vez, nunha tertulia na radio, falando cun tipo que dicía que había que legalizar a prostitución porque se unha muller quere gañar a vida así pois é un traballo coma outro calquera, o que fixen foi, despois de escoitar esa parvada, miralo nos ollos, calar un rato e logo preguntarlle se tiña fillas. Dixo que si. E logo díxenlle que as animase a coller ese tipo de traballo e a desenvolverse profesionalmente desa maneira. Como é un traballo como outro calquera…

E pareceulle fatal e case que acabamos a hostias…

En países como Suecia, nada pacatos por outra banda, téñeno clarísimo dende hai décadas e múltase e detense a quen contrate este tipo de traballos escravizantes. Aquí, pola contra, xa non só non se actúa sobre os prostituidores senón que, ademais, permítese que nos xornais (eses mesmos que de cando en vez falan de dereitos humanos e dignidade e non sei que máis cousas moi nobres nos seus editoriais) se anuncien redes de prostitución, de escravitude de seres humanos e de tráfico de persoas. Sabemos que os xornais, tamén os galegos, ingresan millóns de euros ao ano axudando a manter a ignonimia e a brutalidade, axudando a engordar os cus dos proxenetas e dos grandes traficantes da desgraza e da miseria feminina.

E aínda así seguimos mercándoos.

E aínda así os gobernos non fan nada.

Case que me entran ganas de empezar unha chamada a un boicot activo.

E que deixemos de mercar xornais ata que todos se comprometan, por escrito, a renunciar a estes ingresos.

Os comentarios están pechados.