É DOMINGO POLA MAÑÁ

Posted by franciscocastro - 02/10/11 at 09:10 a.m.

Escribo estas liñas este domingo pola mañá moi cedo. Aínda non saiu o sol, pero a pequecha, que ten o horario escolar metido na alma, decide que xa empezou o día, que hai que comezar a encher a vida de cousas. E aló imos.

Vigo, que foi balbordo de sábado á noite, dorme coas legañas profundamente pegadas a si mesmo. Na casa que hai en fronte, un grupo de pombas óllanme dende a outra banda do madrugón, pensando, e agora que.

Eu dígolles. E agora nada. Sento e póñome a ver pola ventá, sabedor como son que levo moito tempo de ventaxa á realidade. A veciña de diante abre as persianas. Separa delicadamente as cortinas e déixame verlle a cabeza. Un pouco de pelo cáelle por diante e eu penso que é preciosa e que está ben empezar tan cedo a xornada só por iso. Por detrás daquel edificio que dá ao monte, a derradeira raiola da lúa espreguízase como dicindo, por fin, agora poderei descansar eu. Tómolle o segundo café. Bob Esponja encárgase agora da pequecha e eu estou comigo sendo eu. O resto da casa dorme. O argumento da miña nova novela bule na cabeza. O ordenador mírame, tentándome: escribe, escribe, dálle á tecla. Resisto. Café. De vagar. Sempre moi quente. Queima e sopro. E concéntrome en notar o vento que provocan os meus beizos, tan famentos de poesía ultimamente. Unha gaivota familiar que nos visita dende hai meses, pousa tranquila, coma un ultralixeiro de papel, sobre a tapa que puxemos no tendal. Ten no pico unha mancha vermella, por iso sei que é cada mañá sempre a mesma. Por iso e pola súa ollada, cómplice. Óllame como dicindo, que tal, meu. Eu doulle outro grolo ao café, que xa non queima tanto, e dígolle, coma sempre, esperando pola vida.

A gaivota sorrí levemente e déixase caer, antes de subir maxestosa, cunha levidade que me emociona e anima.

Prendo o ordenador e cóntovos: escribo estas liñas de mañá moi cedo…

Os comentarios están pechados.