Archive for Outubro, 2011

UNHA GRAN NOVA (VIVA O ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE!)

30th Outubro 2011 by franciscocastro 5 Comentarios

A boa xente do IES AS BARXAS de Moaña vén de recibir o  premio do concurso nacional CreArte, que concede o Ministerio de Cultura aos proxectos máis creativos que mesturen no proceso de aprendizaxe a arte, a literatura, a fotografía, o video… (toda a info, aquí). Un recoñecemento importantísimo do que me aledo moi especialmente pois un dos departamentos que participou foi o de galego que desenvolveu un fermosísimo e emocionante proxecto chamado SALVAR UN LIBRO EN GALEGO para o que traballaron con Chamádeme Simbad (tendes os videos neste meu blog aquí á dereita).

O Instituto recibe este premio que o recoñece oficialmente como Centro Educativo Creativo. Algo que xa sabiamos os que pasamos algunha vez por alí e puidemos falar co seu excelente profesorado. Ao tempo, reciben uns cartiños que, como eles mesmos indican, serviralles para poder traballar con cámaras máis profesionais e non coas propias, máis limitadas.

Agora, ademais de congratularnos, lembremos que é un CENTRO PÚBLICO, que OS PROFESORES SACRIFICARON AS SÚAS VACACIÓNS PARA DESENVOLVER O PROXECTO, que TRABALLARON NO SEU TEMPO LIBRE TODO O ANO para que todo saíse como tiña que saír.

Paréceme fundamental lembrar isto nun intre no que os responsables da Xunta siguen deslizando por aí a idea de que traballan pouco, que hai que subirlles máis aínda os horarios e non sei que outras parvadas.

Dixémolo mil veces: se descoidamos a educación descoidamos o futuro. E temos uns profesores e profesoras excelentes, creativos, motivados, entusiastas e imaxinativos. Deámoslles recursos. Coidémolos. Agora máis ca nunca.

Chuzame! A Facebook A Twitter

EU QUERO SER ANA OBREGÓN

26th Outubro 2011 by franciscocastro 7 Comentarios

Eu quero ser Ana Obregón.
Porque leo por aí que ten asinado un contrato coa Editorial Planeta para que escriba un libro e que, como só ten catro meses para facelo, marchou a Miami para poder ter tranqilidade e así escribir como é debido.
Eu quero ser Ana Obregón.
E asinar un contrato con Planeta ou con quen sexa e que me dean os adiantos (que dá medo só pensar na cantidade enorme que serán) e investir parte en irme a Miami, con Anita, a ver se alí me inspiro.
Eu quero ser Ana Obregón.
Porque eu teño que erguerme ás cinco da mañá para ter tranquilidade (esa que ela terá en Miami, pronúnciese Maiami coa boca moi aberta osea) porque despois teño unha familia que atender, e cando era profe escribía novelas nas horas libres, e escribo nas cafeterías antes das xuntanzas, e nos aeroportos e no autobús urbano.
Eu quero ser Ana Obregón.
E ser escritor profesional coma Ana Obregón.
Que noxo ser Francisco. Eu quero ser Anita. A escritora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PRESENTACIÓN DE ‘IN VINO VERITAS’ EN RIANXO

23rd Outubro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

O vindeiro venres, e organizado pola Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Editorial Galaxia e o Concello de Rianxo presentaremos o meu novo libro In vino veritas, nun acto que terá lugar o venres 28 de outubro no Auditorio de Rianxo, ás 20:30 horas, e no que terei a sorte de que me acompañen os directivos de Barbantia María Xesús Blanco e Antón Riveiro Coello, e mais o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

Pois iso, que todas e todos convidados/as.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CUARTA EDICIÓN PARA ‘CHAMÁDEME SIMBAD’

20th Outubro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios


Vén de entrar no prelo a cuarta edición de Chamádeme Simbad. Estamos xa situados nos 11.500 exemplares, o cal é algo grande, para min como autor, pois como ben sabedes é este un libro do que pretendo que sexa algo máis ca unha historia máis ou menos ben contada. É un texto que escribín, ademais, para dicir algo que eu considero importante arredor do alzhéimer e a maneira en que nos relacionamos cos doentes.
Daquela, contento e emocionado porque estea chegando a tanta xente.
E por iso é que quería compartilo con vós.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OS BEATLES TEÑEN A SOLUCIÓN PARA A CRISE

13th Outubro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios


A ver: todo o mundo sabe que son un beatlemaníaco enfermizo, así que recoñezo que o titular é un chisco esaxerado. Pero igual non tanto, porque onte estiven lendo sobre Geoff Emerick, o que foi enxeñeiro de gravación dos Beatles en moitísimos discos dos Fab Four (o segundo no staff de Abbey Road despois de George Martin) e chamoume a atención cando dicía que á hora de lle atopar unha posible explicación á fervenza creativa que demostraron aqueles catro, á hora de racionalizar o por que a tanta xenialidade, que hai que ter en conta o limitado da tecnoloxía, as barreiras que atopaban, as dificultades para materializar o que querían facer. É dicir, eles tiñan na cabeza moitas máis cousas das que de verdade se podían gravar hai medio século. Daquela, tiñan que se esforzar todos para que daquela limitación saíse -e abofé que o lograron- algo grande. Tanto, que incluso a día de hoxe seguimos sorprendidos diante dalgúns discos.
Pensaredes: este tipo está enfermiño, pero foi ler iso e reflexionar sobre a crise. E saber que esa é unha das receitas que teremos que aplicar para que o futuro non nos coma con patacas.
Que hai crise é indiscutible. Que veñen tempos moi duros, innegable. Que imos pasalo mal, seguro. Que xa nada é como era, claro.
E no caso da cultura e da lingua, ben sabemos que a realidade é ben negra: están quitándonos espazos de visibilidade, atacan a nosa cultura, machacan a nosa lingua, mándannos ao paro, avisan do que vai pasar en canto gañen (a bromita do twitter…).
En definitiva, que entre a situación económica e a política están a deixarnos sen auga para beber.
Vale, si. Pois aquí é onde entran os Beatles.
Tócanos facer o mesmo, a saber: esforzarse en inventar, en sermos creativos, en procurar luz entre tanta escuridade. Sobre todo porque hai que ser moi conscientes de que ninguén vai facelo por nós e, como xa dixen, imos ter que, igual que sempre, erguernos moi de mañá para escribir libros, para educar aos fillos e fillas nos valores que cremos, para exercer a democracia a pesar do totalitarismo circundante, para loitar por unha vida máis digna a pesar de que nos rouben nos fociños. Escasiños como nos obrigarán a andar, non poderán quitarnos (a non ser que queiramos ou nos deixemos) a creatividade ou a ilusión.
Así que a inventar o futuro igual que outros inventaron sons incribles cando non se podían nin sequera soñar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PRESENTACIÓN DE ‘IN VINO VERITAS’ EN ALLARIZ

11th Outubro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Despois das presentacións de Vigo, Santiago, A Coruña e Sanxenxo, chegamos este venres á librería Aira das Letras de Allariz ás 20 horas.

Contarei coa axuda na presentación do profesor e músico Xabier Álvarez.

Quedades todas e todos convidados.

Chuzame! A Facebook A Twitter

‘ME LLAMABA SIMBAD’. BOOKTRAILER SOBRE O ILUSTRADOR

9th Outubro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

E hoxe deixo o segundo booktrailer preparado por Tàndem Edicións, editores do meu ME LLAMABA SIMBAD. Neste caso, centrado no traballo de ilustración de Xan López Domínguez, un dos grandes. Dos moi grandes.
Está aínda mellor!

Chuzame! A Facebook A Twitter

BOOKTRAILER DE ‘ME LLAMABA SIMBAD’

8th Outubro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Os meus editores en castelán de Chamádeme Simbad, Tàndem Edicións, prepararon un par de booktrailers de Me llamaba Simbad.

Velaquí vos deixo o primeiro deles, rodado na Librería La Cuchufleta de Valencia, un espazo marabilloso centrado na literatura infantil e xuvenil.

O traballo é realmente espectacular. Espero que vos guste.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA EN VIGO

7th Outubro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Dende hoxe está aberta a matrícula para o meu OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA que celebraremos no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo, como todos os anos.

Dará comezo o vindeiro luns 7 de novembro e serán catro sesións de dúas horas no que nos centraremos no pracer de crear textos, de pensar versos, de idear historias, de facer medrar personaxes. Todas as sesións darán comezo ás 17 horas.

Todo, coma sempre, dende unha perspectiva lúdica da literatura.

Toda a información sobre a matrícula nesta ligazón (no menú da esquerda poñede, en TEMA, «Cursos», en LOCALIDADE «Vigo», e en EVENTO «·literario» e xa vos sae).

Chuzame! A Facebook A Twitter

VERGONZA

5th Outubro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Este domingo sobresaltábanos a ollada deste rapaz, Alphonse Kenyi, quen aos seus catorce anos espera nunha prisión de Sudán do Sur para ser aforcado.

Non me interesa falar dos seus delictos reais ou non.

Eu, do que quero falar é desa mirada de medo, de resignación, de dor, de incredulidade. Unha ollada de vidro e de dureza. Unha ollada de neno. Un xeito de ollar que é a evidencia do fracaso colectivo deste animal aparvado que somos. Gloriosos, porque podemos compoñer a poesía ou cantar cantigas de amor á luz da lúa. Fantásticos, porque podemos estremecernos de beleza vendo un cativo durmir na súa quitude primeira. Pero terribles pois matamos por pracer, facemos dano porque si ou, sen máis, non facemos nada por evitar o sufrimento alleo aínda que saibamos que poderiamos evitalo.

Escribín moitas veces contra dos países que, coma China, están á cabeza na aplicación da pena de morte (convén lembrar que está sancionada moralmente na Declaración dos Dereitos Humanos). Ou dos Estados Unidos, que van de paladíns da liberdade (o seu presidente é Nobel da Paz, manda truco na Habana) ao tempo que executan sobre todo a negros e hispanos sen recursos (os ricos téñeno máis doado).

De nada disto quero falar. A pena de morte non se debe aplicar en ningún caso. A sociedade ten outras maneiras de reprimir. E o máis deleznable dos crimes non é merecente de tal barbaridade.

Pero en realidade, insisto, do que quero falar é de nós como especie. Por iso o que quero é poñer os ollos meus dentro dos de Alphonse. Para ver que atopo aí, que é o que vive aí dentro. E podedes crerme, non atopo a súa maldade, nin a súa perversión, nin a súa brutalidade. Non sei se existe, se é real ou é unha víctima inocente máis.

Repítome: non sei de que lle acusan nin me importa.

O único que sei é que vexo neses ollos e sinto vergoña de ser humano, do ser humano, da humanidade, da Declaración dos Dereitos Humanos, dos gobernos dos estados, das bandeiras, das constitucións.

E vergonza. Moita vergonza.

E un chisco de medo ao saberme parte dunha especie que pode, por lei, coller un  neno e penduralo do pescozo ata asfixialo, romperlle o colo e deixar,así, que morra en nome da xustiza.

De que xustiza estarán a falar…

Chuzame! A Facebook A Twitter