LIBERDADE?

Posted by franciscocastro - 29/09/11 at 02:09 p.m.

Levo moito tempo dicindo que algún día teremos que investigar como foi posible que algúns nos roubasen o significado dalgunhas verbas importantes como liberdade.

Os de Galicia Bilingüe, por exemplo, cando falan de liberdade lingüística. Que a usen así, desa maneira, que se fixesen donos da palabra, que a convertan no seu patrimonio, no centro do seu discruso, dóeme moito, porque esa verba sempre estivo asociada a causas nobres, a boas ideas, a visións do mundo positivas, tolerantes e abertas á diferenza. E nos últimos tempos a dereitona máis rancia fíxose dona da verba e para ese tipo de asuntos (en nome da liberdade relixiosa xustifícanse gastos e fastos como o da visita do papa romano do outro día. Xa se sabe, pola liberdade, todo).

Lémbrome do que me facía sentir a verba cando neno, escoitando na casa unha e outra vez o disco de Paco Ibáñez no Olimpia, ou a Suso Vaamonde. A palabra liberdade, naqueles contextos asamblearios, soaba fresca e viña chea de luz. Hoxe, escoitada en certas bocas, mete medo. Por exemplo cando os neocóns estadounidenses (ou os de por aquí e que axiña van gobernarnos) din iso de que as familias teñen dereito a exercer a súa liberdade no ensino e se queren aprender o creacionismo en troques da teoría da evolución, pois iso, que están no seu dereito e exercendo a súa liberdade.

Carafio. Canta perversión lingüística.

Que violación da semántica.

Todo isto, no fondo, vén a conta do que pasou o outro día en Barcelona, onde veñen de quitarlles a burrada bárbara das touradas por lei (tranquilos, cando goberne o PP, en nome da liberdade cultural, ou algo así, xa os repoñen). Os afeccionados á tortura esa pasaron todo o festejo, seica, berrando sen parar libertad, libertad, libertad!

Xa se sabe para que.

Coido que é urxente que fagamos un esforzo importante por recuperar as palabras e devolverlles o seu uso primeiro, a súa etimoloxía precisa. Porque pensamos con palabras e porque as palabras son a ferramenta coa que vemos o mundo.

E se as palabras non significan o que significan senón calquera outra cousa, daquela cáesenos o mundo e, inevitablemente, instálase a barbarie (por se hai dúbidas, na porta dos campos de concentración nazis dicía: O traballo faravos libres).

Os comentarios están pechados.