‘Non hai nada máis contaxioso que o optimismo. E agora tócanos ser optimistas’

Posted by franciscocastro - 28/09/11 at 02:09 p.m.

http://vimeo.com/29576896

Máis ou menos é a frase que digo ao final desta entrevista que me fixeron na Escola Gavina de Valencia, que visitei a semana pasada para presentar o meu Em deia Simbad e Me llamaba Simbad. Como xa fun contando nas redes sociais, falei cos cativos e as cativas, de quinto e sexto curso de primaria, en galego. Eles faláronme en valenciano. E podedes crerme que preguntaron moito!!! Ao día seguinte, na librería Abacus, cun público heteroxéno que ía dende pequerrechos a pais e nais, fixen unha animación só en galego. Dedicado aos que din que o galego e as linguas minorizadas, que non minoritarias, non serven para nada. O carallo, con perdón. Non serven para os que odian. Para os que amamos, así en xeral, as linguas todas, serven sen dúbidas. Nin un só cativo se estrañou. Nin un só deles e delas me dixo nada. En Galicia, sen embargo, aínda hai que andar a explicar (a moitos xornalistas, por exemplo) por que escribimos en galego…

Pois iso, queda aquí a entrevista. Falamos de moitas cousas. Entre outras, da necesidade de estarmos sempre ilusionados.

Ese é o meu discurso e de aí non van moverme nunca. Manteñamos vivo o facho da esperanza. Aínda que as axudas caian. Aínda que os xornais pechen. Aínda que a sociedade siga a vernos como tipos raros e tipas excéntricas por falar e defender a lingua indíxena. Sabemos que levamos razón. E que o futuro é noso.

Os comentarios están pechados.