Archive for Setembro, 2011

LIBERDADE?

29th Setembro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Levo moito tempo dicindo que algún día teremos que investigar como foi posible que algúns nos roubasen o significado dalgunhas verbas importantes como liberdade.

Os de Galicia Bilingüe, por exemplo, cando falan de liberdade lingüística. Que a usen así, desa maneira, que se fixesen donos da palabra, que a convertan no seu patrimonio, no centro do seu discruso, dóeme moito, porque esa verba sempre estivo asociada a causas nobres, a boas ideas, a visións do mundo positivas, tolerantes e abertas á diferenza. E nos últimos tempos a dereitona máis rancia fíxose dona da verba e para ese tipo de asuntos (en nome da liberdade relixiosa xustifícanse gastos e fastos como o da visita do papa romano do outro día. Xa se sabe, pola liberdade, todo).

Lémbrome do que me facía sentir a verba cando neno, escoitando na casa unha e outra vez o disco de Paco Ibáñez no Olimpia, ou a Suso Vaamonde. A palabra liberdade, naqueles contextos asamblearios, soaba fresca e viña chea de luz. Hoxe, escoitada en certas bocas, mete medo. Por exemplo cando os neocóns estadounidenses (ou os de por aquí e que axiña van gobernarnos) din iso de que as familias teñen dereito a exercer a súa liberdade no ensino e se queren aprender o creacionismo en troques da teoría da evolución, pois iso, que están no seu dereito e exercendo a súa liberdade.

Carafio. Canta perversión lingüística.

Que violación da semántica.

Todo isto, no fondo, vén a conta do que pasou o outro día en Barcelona, onde veñen de quitarlles a burrada bárbara das touradas por lei (tranquilos, cando goberne o PP, en nome da liberdade cultural, ou algo así, xa os repoñen). Os afeccionados á tortura esa pasaron todo o festejo, seica, berrando sen parar libertad, libertad, libertad!

Xa se sabe para que.

Coido que é urxente que fagamos un esforzo importante por recuperar as palabras e devolverlles o seu uso primeiro, a súa etimoloxía precisa. Porque pensamos con palabras e porque as palabras son a ferramenta coa que vemos o mundo.

E se as palabras non significan o que significan senón calquera outra cousa, daquela cáesenos o mundo e, inevitablemente, instálase a barbarie (por se hai dúbidas, na porta dos campos de concentración nazis dicía: O traballo faravos libres).

Chuzame! A Facebook A Twitter

‘Non hai nada máis contaxioso que o optimismo. E agora tócanos ser optimistas’

28th Setembro 2011 by franciscocastro 5 Comentarios

Máis ou menos é a frase que digo ao final desta entrevista que me fixeron na Escola Gavina de Valencia, que visitei a semana pasada para presentar o meu Em deia Simbad e Me llamaba Simbad. Como xa fun contando nas redes sociais, falei cos cativos e as cativas, de quinto e sexto curso de primaria, en galego. Eles faláronme en valenciano. E podedes crerme que preguntaron moito!!! Ao día seguinte, na librería Abacus, cun público heteroxéno que ía dende pequerrechos a pais e nais, fixen unha animación só en galego. Dedicado aos que din que o galego e as linguas minorizadas, que non minoritarias, non serven para nada. O carallo, con perdón. Non serven para os que odian. Para os que amamos, así en xeral, as linguas todas, serven sen dúbidas. Nin un só cativo se estrañou. Nin un só deles e delas me dixo nada. En Galicia, sen embargo, aínda hai que andar a explicar (a moitos xornalistas, por exemplo) por que escribimos en galego…

Pois iso, queda aquí a entrevista. Falamos de moitas cousas. Entre outras, da necesidade de estarmos sempre ilusionados.

Ese é o meu discurso e de aí non van moverme nunca. Manteñamos vivo o facho da esperanza. Aínda que as axudas caian. Aínda que os xornais pechen. Aínda que a sociedade siga a vernos como tipos raros e tipas excéntricas por falar e defender a lingua indíxena. Sabemos que levamos razón. E que o futuro é noso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

LE DE BALDE O PRIMEIRO CAPÍTULO DE ‘ME LLAMABA SIMBAD’, ‘EM DEIA SIMBAD’ OU ‘CHAMÁDEME SIMBAD’

20th Setembro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Mañá tiro para Valencia e Alacante, para diversos actos de presentación das traducións de Chamádeme Simbad en catalán, en castelán, encontros con colectivos que loitan contra do alzhéimer, visitas a colexios, etc…

Aproveito para deixarvos ligazón ao primeiro capítulo de CHAMÁDEME SIMBAD, ME LLAMBA SIMBAD e EM DEIA SIMBAD.

Espero que vos guste.

Chuzame! A Facebook A Twitter

INFOLLABLE

18th Setembro 2011 by franciscocastro 9 Comentarios

Silvio Berlusconi cualificou a Angela Merkel como culona mantecosa infollable, segundo a prensa, un comentario que, ademais de estúpido, demostra, así de radical me erguín hoxe pola mañá, que a democracia ten uns fallos tremendos.

Berlusconi pode ser un follador compulsivo. Que lle aproveite. Poder ser estúpido (non digo que o sexa) por facerse transplantes capilares ou estiramentos faciais. Que lle aproveite. Pode ser un prostituidor de menores (ten unha causa aberta). Que noxo.

Berlusconi pode ser o que queira.

Pero, sobre todo, é o presidente de Italia, posto aí democraticamente, é dicir, polos votos dos italianos e italianas que, seica, non lles importa estar gobernados, no básico, por un machista. Nunca faría tal comentario de ser Angela Merkel un pibón dos que apareceron nas imaxes das orxías por el organizadas, por certo, a conta da caixa pública. Nunca faría tal comentario de ser, por suposto, un home feo. Como é el. Porque é feo de narices, con perdón.

A pregunta non é se Angela Merkel é follable ou non. A pregunta é como é posible que un tipo coma este gañe unhas eleccións. Un tipo recoñecido como fascista, que entra nos programas de telemerda a rifar en directo cos presentadores.

Etcétera.

A pregunta é ata que punto un tipo que só fode (perdón) pagando, que está rodeado de belezas pagando, que é adulado polas femias ás que paga, pode facer comentarios dese tipo sen que os seus veciños se poñan a vomitar compulsivamente.

Dicía Platón que para políticos só valían os máis excelentes.

Berlusconi é un excelente exemplo de todo o contrario.

E non son muller nin me gustan os homes pero, se fose muller ou me gustasen os homes, Berlusconi pareceríame infollable.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A FIN DE MES, ‘GENERACIÓN PERDIDA’ (EN CASTELÁN) NAS LIBRERÍAS

17th Setembro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Chegáronme onte os exemplares de Generación Perdida, a tradución ao castelán da miña novela do 2004 que agora sae para todo o estado da man de Pulp Books e que estará a fin de mes nas librerías de toda España.

Podedes imaxinar o gusto que dá que pase algo así. A importancia da tradución é enorme para calquera dos que escribimos, independentemente da lingua na que o fagamos. Eu sempre digo que escribo para que me lean millóns de persoas no mundo enteiro, en miles de linguas. E fágoo dende a lingua do meu país, dende a fala do lugar do mundo ao que pertenzo, coas palabras e a música da lingua miña, dende a tradición literaria galega. Pero para facer literatura universal. Porque nese punto está xa a literatura galega contemporánea. O que escribimos, polo xeral, é válido para calquera lugar do mundo. E igual que leo a Philip Roth e o entendo, a pesares de escribirme dende os Estados Unidos, eu quero que me lean en inglés nos Estados Unidos e me entendan.

Así que hoxe, hoxe tamén, moi contento.

Chuzame! A Facebook A Twitter

‘O SEGREDO DE MARCO POLO’ FINALISTA DO FREI MARTÍN SARMIENTO

16th Setembro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Hoxe recibín a grata nova de que o meu ‘O segredo de Marco Polo’ vén de ser elixido finalista da VIII Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, un dos máis lindos que hai neste país porque é concedido por milleiros de escolares de toda Galicia.

Gañeino noutras edicións con Un bosque cheo de faias, O ceo dos afogados e Chamádeme Simbad. E sempre a emoción foi a mesma. Grande. Un pracer enorme.

Nesta ocasión o libro está seleccionado na quinta categoría, é dicir, a correspondente a 3º e 4º da ESO e Bacharelato. Terá que competir con dúas excelentes obras como son Menú de enganos, de Manuel Núñez Singala e Settecento de Marcos Calveiro.

E como estou contento, comparto isto con vós.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PARA QUEN ANDE POR VALENCIA E ALACANTE

15th Setembro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Dentro dunha semana andarei por Valencia e Alacante metido de cheo na promoción das versións en castelán e catalán do meu Chamádeme Simbad.

Para quen ande por alí, deixo aquí o programa, amplo e esgotador, pero que seguro que vai facerme moi feliz porque, entre outras cousas, este escritor traballa para, tamén, coñecer a cantos máis lectores e lectoras de cantas máis linguas do mundo, mellor.

Xoves ás 19.30h.: Acto de presentación Em deia Simbad para adultos no Col·legi major Rector Peset.

Venres ás 11.00h.: Acudiremos á Escola Gavina, para facer unha presentación diante dos alumnos de 5º o 6º de primaria.

Venres ás 19.00h.: Acto de presentación Em deia Simbad na librería El elefante en el sombrero de Alacante.

Sábado ás 12.30h.: presentación informal para público infantil na librería Abacus de Valencia.

Pois iso, que nos vemos no Mediterráneo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O ERRO HISTÓRICO DA XUNTA

13th Setembro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Os políticos están para, entre outras cousas, cometer erros. Coma os escritores, poño por caso. Mais os erros, que son humanos, só son desculpables se son consecuencia da boa fe, do despiste, da mala sorte… de cousas así. E todos os erros teñen consecuencias, ás veces terribles. Pero son iso, erros. Algo humano.

Daquela, algo que cómpre perdoar.

Mais cando os erros nacen da ignorancia, daquela, non hai desculpa posible. E o nulo apoio que a Xunta de Galicia está a prestar á educación, os recortes nas axudas, o desprezo que amosa polo mundo das aulas, é un erro que, como se verá co tempo, será considerado histórico.

Todos os sabios, analistas, estudosos, pensadores… todos os homes e mulleres que saben do que está a pasar no mundo co tema da crise, insisten: en épocas coma estas o que hai é que investir en cultura e educación. Os neocón que nos gobernan decidiron recortar. Non direi que non haxa que recortar. Pero haino que facer dende a intelixencia e, sobre todo, vendo máis aló das vindeiras eleccións. E cando recortan en educación (mirade que non estou a falar da lingua, iso sería para falar noutro post), cando deciden meter as tesoiras en educación o que están a facer non é só facer cadrar orzamentos, axustar contas, equilibrar balanzos. O que están é meténdolle as tesoiras ao futuro. Están impedindo, precisamente, sair da crise. Están semiando o desastre.

Aos políticos hailles que pedir, claro, solucións para o día a día. Pero tamén amplitude de olladas. Capacidade para ver o futuro.

E neste asunto a Xunta, e sobre todo os políticos responsables destas terroríficas decisións que sacan profesores, que pechan aulas, que deixan de destinar fondos que se van a lugares máis espúreos, eses, pasarán a historia como pasarán, a saber, como os culpables e actores e actrices dun dos erros máis graves e de consecuencias máis terribles de todos os tempos.

Todos queremos pasar dun xeito ou outro á historia. Que nos lembren polos nosos feitos.

Estes que fomentan o desastre educativo. Estes que nos deixan sen lingua e sen aire, eses, van quedar en moi mal lugar. Sei que agora non lles preocupa. Pero aí van quedar.

Onde deben quedar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

TODAS AS TARDES DEBERÍAN SER DOMINGO Á TARDE

11th Setembro 2011 by franciscocastro 13 Comentarios

Os primeiros filósofos definiron a felicidade, independetemente da escola de pensamento á que pertenceran, no fondo, como un estado de calma. Non tanto un «eu paso de todo», canto un «sei que iso que tanto vos preocupa en realidade non é tan importante».  E reflexionando sobre todo iso deixáronnos verbas como ataraxia, ou conceptos como o de vida contemplativa, ou serenidade de ánimo, para nos guiar no camiño da senda da felicidade. Logo viría o pensamento cristián a escangallalo todo propoñéndonos alcanzar a santidade e os ceos, previa renuncia a todo o que de verdade paga a pena na vida.

Quedo coa calma dos clásicos gregos. Aspiro a iso e só a iso. Quizais porque é domingo e os domingos teñen, ou merecen, esa quietude. De feito, penso que todos as tardes deberían ser como os domingos á tarde. Ou como as baladas de Paul McCartney. Ou como os ollos daquela muller que se cruzou cos meus o outro día no aeroporto. Ou como a aperta que un pai grandísimo, un xigante que estaba ao meu carón tamén no aeroporto, se daba coa súa pequecha cando lla entregou a azafata, ao tempo que, chorando coma un neno moi cativo, repetía: grazas, grazas, grazas por vir… Todas as tardes deberían ser así: unha lagoa de calma ou de vida ou de eléctrica realidade que nos volvese lembrar que é o que importa.

Os cronistas avisan: a economía vaise para o carallo; o outono vai ser criminal. Os xornais repiten As Verbas Predilectas da Hecatombe: pánico, abismo, creba… Moitas xentes das que nos rodean ceiban berros de espanto diante do mal resultado colleitado polo seu equipo. Cando saín a mercar o xornal esta mañá vin un home patear o capó do coche ao tempo que facía referencias á súa nai (do coche). No bar, á hora do aperitivo, unha parella nova insultaba, e a súa face daba medo, a un piloto de Fórmula 1 que seica non daba adiantado dunha vez…

Quero andar pola vida como se sempre fose domingo á tarde. Coa quietude das rúas baleiras. Co aire todo ao meu dispor. Coa luz ampla que me gratifica que hoxe non ande case que ninguén pola rúa. Coa pel toda excitada porque a vida é moi excitante.

A vida.

Non os mercados.

Así quero vivir.

Vestido de domingo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PARA FALARMOS DA CULTURA (GALEGA) E DAS REDES SOCIAIS

8th Setembro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Aínda hai prazas para anotarse no Foro Unirede. I Foro Galego da Web 2.0. e no que participarei, en mesa redonda con Ramón Nicolás, Ledicia Costas, Tati Mancebo e Xosé Rodrñiguez, moderados por Arantxa Serantes, para falarmos da nosa experiencia, dende o ámbito da cultura galega, no uso das Redes Sociais e todo o que nos ofrece a Web 2.0 da que son, como é público e notorio, fervente defensor e usuario.

A xornada desenvolverase o 15 de outubro en Compostela e neste díptico podes baixar o programa completo. Xente moi interesante, ademais da citada, como David Serantes ou Manuel Gago.

Que non falte ninguén.

Chuzame! A Facebook A Twitter