O AMOR COTIZA EN BOLSA

Posted by franciscocastro - 31/08/11 at 02:08 p.m.

Eu sempre me gabei de pasar moito da economía. Leo as páxinas desa sección no xornal porque son un tipo cumpridor e, daquela, quero saber como vai o mundo. Pero sen entusiasmos. Estou certo de que de ter sido máis espelido tería algúns cartos máis na miña conta. E seguro que deixei pasar oportunidades de bos negocios só por andar concentrado nos versos e as súas poesías.

Sen embargo, este verán, unha das novas que máis me chamou a atención foi esta na que se informaba de que os de Match mercaban Meetic. Estamos a falar de dous portais de contactos, é dicir, de lugares onde xentes de todo tipo se anotan para atopar parella e algo máis. Como sabedes, ese e algo máis polo xeral é sempre cama, fodenda, gustiño, etc. Que, ollo, está moi ben. Que digo ben, é o mellor que hai no mundo!

Digo que esta nova interésame non polo asunto sexual. Que tamén. Interésame porque, no fondo, o que está a evidenciar (independentemente de que o amor hoxe en día, na era do stress estúpido volvéuse un asunto complexo), é que o que máis importa no mundo é o amor. Non é broma. E non o digo polos 350 millóns de euros que custou o portal en cuestión. Digoo porque son millóns as persoas que empezan o día buscándoo.

É así e é así de simple: o que queremos é amar e que nos amen, querer e que nos queiran, tocar e que nos toquen. O pracer si, pero tamén a felicidade. Por iso buscamos. E a rede axuda a aqueles corazóns que non teñen a sorte de atopar o amor pola rúa, nun bar, no traballo, nunha exposición…

Os comentarios están pechados.