NON ME ARREPINTO

Posted by franciscocastro - 30/08/11 at 02:08 p.m.

E de súpeto descobres que tes case que 45 anos e que, xa que logo, é máis que probable que andes pola metade da vida. E entendes que aínda que non queras fas balanzo case que a diario do que pasou, do que pasa, do que queres que pase.

Non sei por que escribo isto hoxe, pero só quero dicir que non me arrepinto, no básico, de non terme arrepentido. Quero dicir que me falaron moitas veces na adolescencia rebotada que co tempo había cambiar, que había deixar de lado moitas cousas, que había deixar de pensar así como pensaba, que entendería que o mundo era outra cousa. E por iso, por negarme a aceptar iso rifei moito cos maiores sen dar nunca o brazo a torcer. Seica era eu o trabucado. Seica era eu quen a base de anos e de experiencias había renunciar ao que defendía. Cuando seas mayor comerás huevos. Non como ovos. Danme moito noxo.

Non me arrepinto de non ter renunciado, de seguir vendo as cousas máis ou menos igual: a primacía do corazón, o sono da liberdade, o amor como horizonte, a paixón gobernándome, o dereito a dicir o que me peta aínda que non me entendan. Ou sexa, que sigo crendo no rock and roll. E na literatura. E que detrás dun verso pode agocharse a beleza máis sedutora e estremecedora.

Xa non podo pasar moitas noites de festa. Pero podo facer da vida unha festa. Podo querer e sei que me queren. E prendo o ordenador e son quen me peta. E escribo libros e publícoos, e de cando en vez hai alguén do outro lado que os le e que me di, pois mira ti eu penso isto ou penso outra cousa.

Afeito a cabeza a diario, pero cando deixo un par de días sen facer isto, como hoxe mentres redacto estas liñas entolecidas (barba e “pelo” de catro días) vexo que todo se puxo branco. Vale. Non podo andar toda a noite de troula pois deprimiría ao resto cos boquexos do meu corpo canso e insomne. Vale. Xa non sei de excesos máis que os da lectura, e para iso con gafas de cerca…

Vale tamén e si a todo.

Pero sei que sigo sendo aquel que antes dos quince anos dixo que o mundo era un lugar no que pagaba a pena estar e que, tanto tempo despois, aínda é quen de vivir nese universo.

Para as décadas que me queden penso seguir igual.

E sen arrepentirme.

Os comentarios están pechados.