UNHA PREGUNTA PARA OS SEGUIDORES DO DÉPOR

Posted by franciscocastro - 21/08/11 at 04:08 p.m.

Hai unha semana, e como todos os anos, Ediciones Este, unha mítica editorial que nos leva acompañando a moitos dende a infancia, comezou a agasallar a través dos xornais cos cromos da liga e o álbum, para que nos animemos, como cando eramos nenos, a facer a colección completa. Eu xa contei a miña experiencia ao respecto. E hoxe a miña cativa pediu cromos e eu merqueillos, claro. Vaille durar a paixón coleccionista catro días, pero eu merqueillos igual.

Tocáronnos unha serie de estampillas, como diciamos de cativos, e eu fun abrindo o sobre ao tempo que celebraba con entusiasmo, por facer a parvada diante dela, cada un dos cromos:

– Mira, o adestrador do Espanyol!

E ela veña a abrir os ollos como se viñeramos de atopar ouro no río.

– Ostrás! Jonathan Vila, do Betis!!!

– Halaaaaaaaaaaaaaaaa, o escudo do Dépor!!!

E si, tocounos o escudo do Dépor. Ese mesmo que reproduzo aquí.

O escudo do Deportivo de LA Coruña, é dicir, un escudo que non respecta a toponimia oficial da cidade.

Daquela, eu pregúntolle aos moitos seareiros e seareiras do Dépor se pasaría algo se no escudo aparecese de A Coruña, se pensan que alguén iría correndo a darse de baixa no caso de que o presidente decidise poñer o nome da cidade ben. Se caería Riazor ou algo. Se xogarían peor ou así.

Ou dito doutra maneira: igual había que encetar algunha clase de acción seria e decidida para pedirlle dúas cousas ao Dépor:

1.- que se esforcen para ascender

2.- que lle chamen á cidade co seu nome de verdade

Sabemos de sobra o que o fútbol move e como se imitan as condutas dos xogadores e dos seus dirixentes. Daquela, se o Dépor fixese un xesto así de simple, moito ben lle farían á lingua propia de Galicia, é dicir, a dese país que, como o Celta, se esforzan en dicir que representan.

Os comentarios están pechados.