DE POLÍTICA E CELEBRACIÓNS RELIXIOSAS

Posted by franciscocastro - 16/08/11 at 04:08 p.m.

Hoxe, a edición de Vigo de La Voz de Galicia tírase dos pelos escandalizada porque foi a procesión da “patroa de Vigo” (e que pasa cos que non somos crentes?, non temos patroa?, podemos facer procesións laicas?, non somos de Vigo?) e non foi ninguén da Corporación Municipal. Só un do PP mira ti.

Eu pensaba que viviamos no século XXI e, xa que logo, que había unha separación clara entre o poder político e as cousas da relixión. Eu pensaba que viviamos no século XXI e, xa que logo, que se entendía que os asuntos privados (as crenzas de cada quen son un asunto privado) non se mesturaban cos públicos. Eu pensaba que viviamos no século XXI e, xa que logo, que as primeiras páxinas dos xornais se reservaban para asuntos de transcendencia e de importancia social, non para algo así.

Pero claro, se me esquecía (como ao Papa, por iso o saco aí con cara de “andá, os donuts”) que vivo onde vivo, e que se mestura sempre todo, e que se pensa que determinadas tradicións son inamovibles e que ailalelo e que ailalalo.

Así que, pese ao meu esquezo de semellantes obviedades, proclamo que no século XXI ningunha autoridade das que representan a toda a cidadanía (tamén aos que non cremos e nos dá igual que veña o Papa ou Ladi Gaga a Madrid, aínda que se teño que elixir prefiro a esta última), proclamo, dicía, en nome da democracia, da ilustración, do sentido común e da lóxica, que nunca, nunca, os representantes públicos deben participar en cerimonias relixiosas.

Os comentarios están pechados.