AS FESTAS MOI GALEGAS Y OLÉ

Posted by franciscocastro - 15/08/11 at 04:08 p.m.


Anda todo o mundo cabreado coas declaracións da concelleira de cultura da Coruña advertindo de que as festas do ano anterior eran “muy gallegas”. Eu non vou entrar moito a valorar as declaracións. Adoito non falar de imbecilidades.
O que si quero suliñar é que en calquera caso as programacións culturais dos concellos adoitan ser un reflexo da maneira de entender o mundo dos partidos que gobernan os cales, por certo, están aí porque os cidadáns e cidadás maioritariamente así o quixeron. É dicir, esta ignorantiña non está aí porque dese un golpe de estado, senón porque os habitantes da Coruña decidiron votarlle a un partido que entende que a cidade se chama LA Coruña, que o castelán está discriminado en Galicia e que o máis galego que están dispostos a aturar é a Julio Iglesias dicindo aquela cousa de Un canto a Galicia, hey (e logo engadía aquilo de que estaba leixos destes teus lares).
Non por algo boa parte dos orzamentos do programa das festas de María Pita está destinado a los muy españoles festejos taurinos, ole, ole, tus guevos torero! (o que me dá pé por certo, para volver preguntar, un ano máis, por que nas festas da Peregrina de Pontevedra, onde goberna un partido como o BNG, ecoloxista, progresista, defensor dos dereitos dos animais, etc,. etc,. sigan aparecendo as touradas anuais).

Os comentarios están pechados.