SOBRE O PECHE DO XORNAL

Posted by franciscocastro - 03/08/11 at 11:08 a.m.

Onte estaba eu radiante e feliz despois da presentación da miña novela na Coruña. Asinar libros, bicos por aquí, mans que se apertan por alá.

Canta felicidade.

Ata que unha  boa amiga se me achegou para comentarme que o xoves xa non sairía en papel Xornal de Galicia. Fiquei apampado e comenteille que non, que iso non podía ser, que seguro que era un ruxe ruxe deses sen fundamento. Citoume a fonte e daquela entendín que si, que ía en serio.

E volvín para Vigo un chisco tristeiro. Preguntándome por que nos pasan estas cousas. Por que sempre a nós.

Aínda aberta a ferida polo peche do Galicia Hoxe recibimos, coma unha labazada feroz, a desaparición do único xornal que claramente apostaba por unha idea de país no que a lingua nosa, e o noso xeito de ver as cousas, eran transversais.

Eu non vou repetir o que xa dixen.

Eu non vou facer un discurso infantiliño sobre o lingüicidio programado (que si, que existe e que é certo e que axuda a botar o peche), como causa de todos os males que nos mutilan a vida e nos quita o aire.

Eu só vou dicir, outra vez, que se todos os que nos dicimos da causa, estivesemos suscritos ao xornal, a este ou a outro xa fenecidos, mercasemos cultura galega, gastaramos os cartiños na cultura nosa, igual non tiñamos os problemas que temos. O razoamento é simple como o cerebro dunha ameba: só a independencia económica pode garantir a supervivencia dos proxectos. Claro que hai outros medios que reciben todas as axudas, claro que si. Pero se a sociedade respondese, as librerías non pechaban, as salas alternativas de teatro se mantiñan e os bos periódicos, coma o Xornal de Galicia, non pasarían a mellor vida.

Oxalá puidese escribir outra cousa máis amable.

Pero xa temos unha idade como para aceptar determinadas verdades. Ou nos comprometemos con algo máis que con palabras ou estamos condenados, claro que si, á morte por inanición.

Os comentarios están pechados.