Archive for Agosto, 2011

O AMOR COTIZA EN BOLSA

31st Agosto 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Eu sempre me gabei de pasar moito da economía. Leo as páxinas desa sección no xornal porque son un tipo cumpridor e, daquela, quero saber como vai o mundo. Pero sen entusiasmos. Estou certo de que de ter sido máis espelido tería algúns cartos máis na miña conta. E seguro que deixei pasar oportunidades de bos negocios só por andar concentrado nos versos e as súas poesías.

Sen embargo, este verán, unha das novas que máis me chamou a atención foi esta na que se informaba de que os de Match mercaban Meetic. Estamos a falar de dous portais de contactos, é dicir, de lugares onde xentes de todo tipo se anotan para atopar parella e algo máis. Como sabedes, ese e algo máis polo xeral é sempre cama, fodenda, gustiño, etc. Que, ollo, está moi ben. Que digo ben, é o mellor que hai no mundo!

Digo que esta nova interésame non polo asunto sexual. Que tamén. Interésame porque, no fondo, o que está a evidenciar (independentemente de que o amor hoxe en día, na era do stress estúpido volvéuse un asunto complexo), é que o que máis importa no mundo é o amor. Non é broma. E non o digo polos 350 millóns de euros que custou o portal en cuestión. Digoo porque son millóns as persoas que empezan o día buscándoo.

É así e é así de simple: o que queremos é amar e que nos amen, querer e que nos queiran, tocar e que nos toquen. O pracer si, pero tamén a felicidade. Por iso buscamos. E a rede axuda a aqueles corazóns que non teñen a sorte de atopar o amor pola rúa, nun bar, no traballo, nunha exposición…

Chuzame! A Facebook A Twitter

NON ME ARREPINTO

30th Agosto 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

E de súpeto descobres que tes case que 45 anos e que, xa que logo, é máis que probable que andes pola metade da vida. E entendes que aínda que non queras fas balanzo case que a diario do que pasou, do que pasa, do que queres que pase.

Non sei por que escribo isto hoxe, pero só quero dicir que non me arrepinto, no básico, de non terme arrepentido. Quero dicir que me falaron moitas veces na adolescencia rebotada que co tempo había cambiar, que había deixar de lado moitas cousas, que había deixar de pensar así como pensaba, que entendería que o mundo era outra cousa. E por iso, por negarme a aceptar iso rifei moito cos maiores sen dar nunca o brazo a torcer. Seica era eu o trabucado. Seica era eu quen a base de anos e de experiencias había renunciar ao que defendía. Cuando seas mayor comerás huevos. Non como ovos. Danme moito noxo.

Non me arrepinto de non ter renunciado, de seguir vendo as cousas máis ou menos igual: a primacía do corazón, o sono da liberdade, o amor como horizonte, a paixón gobernándome, o dereito a dicir o que me peta aínda que non me entendan. Ou sexa, que sigo crendo no rock and roll. E na literatura. E que detrás dun verso pode agocharse a beleza máis sedutora e estremecedora.

Xa non podo pasar moitas noites de festa. Pero podo facer da vida unha festa. Podo querer e sei que me queren. E prendo o ordenador e son quen me peta. E escribo libros e publícoos, e de cando en vez hai alguén do outro lado que os le e que me di, pois mira ti eu penso isto ou penso outra cousa.

Afeito a cabeza a diario, pero cando deixo un par de días sen facer isto, como hoxe mentres redacto estas liñas entolecidas (barba e «pelo» de catro días) vexo que todo se puxo branco. Vale. Non podo andar toda a noite de troula pois deprimiría ao resto cos boquexos do meu corpo canso e insomne. Vale. Xa non sei de excesos máis que os da lectura, e para iso con gafas de cerca…

Vale tamén e si a todo.

Pero sei que sigo sendo aquel que antes dos quince anos dixo que o mundo era un lugar no que pagaba a pena estar e que, tanto tempo despois, aínda é quen de vivir nese universo.

Para as décadas que me queden penso seguir igual.

E sen arrepentirme.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿COMO SOA O MEU ‘SPAM’ EN ITALIANO?

29th Agosto 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Vén de presentarse unha fermosa iniciativa chamada INSULA EUROPEA e que aglutina a unha morea de estudosos da literatura europea (historiadores, filólogos, tradutores…) e que presentan libros e lecturas contemporáneas traducidas ao italiano.

Entre outras, está o meu Spam.

Dá gusto ver iniciativas coma esta que fomentan a nosa literatura alén das nosas fronteiras.

(Facede clic sobre a imaxe para ler o texto)

Chuzame! A Facebook A Twitter

NO PASAMENTO DE JERRY LEIBER

26th Agosto 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Xa dixen en moitísimas ocasións que as grandes firmas que influíron na miña vida de escritor, ademais dalgúns e dalgunhas do gremio, polo xeral foron sempre músicos. Igual queda mellor falar dos grandes clásicos e citar aos grandes nomes, pero no meu caso sempre recoñecín que Mortadelo y Filemón fixeron probablemente máis por min que os gregos, o cine moito máis que as clases de literatura e, sobre todo, o rock and roll máis que case que todo xunto (sen deixar a tele, claro, eu son fillo da televisión).

Dito isto, quero facer referencia ao traballo, case que descoñecido para o grande público mundial, de Jerry Leiber, que finou o pasado luns e que, canda Mike Stoller, asinou algunhas das letras máis importantes da historia do rock and roll. A sinatura Leiber-Stoller probablemente despois da de Lennon-McCartney é unha das máis famosas do mundo. Un selo de calidade. Unha garantía.

Leiber soubo poñerlle as palabras precisas a ese concepto de xuventude que, dende inicios da década dos sesenta do século pasado, aínda nos domina no imaxinario colectivo. A mocidade é igual a inconformismo, a paixón, a loucura, a utopía, a ganas de festa e de cambiar o mundo.

Os escritores, e el érao, sabemos da dificultade para atopar as palabras precisas para crear as atmosferas necesarias para o que queremos contar. Nos Obradoiros Literarios que imparto sempre lles digo o mesmo aos asistentes: á hora de escribir unha das cousas máis complicadas é atopar a atmosfera, ese marco de palabras que acariñan, anegan e dan senso último ao que escribimos. Leiber fixo iso. Por algo Elvis, os Rolling, e os Beatles, caeron seducidos polo seu xeito de contar.

O luns non morreu só un letrista de cancións. Morreu tamén un escritor fundamental para millóns de persoas que probablemente ignoraban que as letras que cantaban eran súas. Finou un escritor deses que nunca se perciben como tales. Pero que o son e con moita máis importacia que outros grandes sesudos que escriben tochos infumables (coma min, por exemplo).

Agora andará polo outro mundo (no que non creo), con Lennon e Harrison. Entre os tres parirán algún rock trepidante. Seguro que si.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESCRIBIR DENDE A MALA HOSTIA

25th Agosto 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Lembro da miña época no instituto o moito que me gustaba poñer a música de Barón Rojo a todo volume. En fin, aínda o fago. Así teño os tímpanos como os teño. E aínda sigo berrando iso de «mi rollo es el rock» con absoluto convencemento; igual de convencido de que os rockeiros iremos todos ao inferno pero que lle imos facer.

Hoxe leo en El País que despois de trinta anos de carreira deixan os concertos. En fin, ten a súa lóxica. Non van facerse vellos sobre un escenario e rachar a cadeira nun esforzo (como explicaba outro entrañable veterano como Miguel Ríos tamén no seu concerto de despedida).

Na entrevista que vos deixo, pregúntanlles por que non hai temas de amor na súa discografía, por que todo son temas sociais e de denuncia. Un deles fala de que case que todas foron escritas dende a mala hostia.

Eu díxeno tal que así na presentación da Coruña de In Vino Veritas cando expliquei por que é unha novela furiosa. Pensei se debía dicilo ou non. Logo, ceibeino: é unha novela escrita dende a mala hostia.

Hoxe, vendo que músicos que admiro e que sigo dende hai tantas décadas tamén escriben así, pois que queredes que vos diga, como que me fai sentir medio irmán deles, igual de rockeiro e disposto a seguir co meu rollo. Ese que me levará ao inferno.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PRESENTACIÓN DE ‘IN VINO VERITAS’ EN CARBALLO

24th Agosto 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Seguindo coas presentacións desta, polo de hoxe, a miña derradeira novela, In Vino Veritas, o vindeiro sábado andarei por Carballo, participando nesa fermosura de actividade que é a Praza dos Libros e que enche a vila de cultura durante unha chea de días.

Eu estarei ás 20’30 do sábado e acompañado por unha das nosas máis interesantes escritoras como é María Canosa.

Espero vervos a todas e a todos por alí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UNHA PREGUNTA PARA OS SEGUIDORES DO DÉPOR

21st Agosto 2011 by franciscocastro 11 Comentarios

Hai unha semana, e como todos os anos, Ediciones Este, unha mítica editorial que nos leva acompañando a moitos dende a infancia, comezou a agasallar a través dos xornais cos cromos da liga e o álbum, para que nos animemos, como cando eramos nenos, a facer a colección completa. Eu xa contei a miña experiencia ao respecto. E hoxe a miña cativa pediu cromos e eu merqueillos, claro. Vaille durar a paixón coleccionista catro días, pero eu merqueillos igual.

Tocáronnos unha serie de estampillas, como diciamos de cativos, e eu fun abrindo o sobre ao tempo que celebraba con entusiasmo, por facer a parvada diante dela, cada un dos cromos:

- Mira, o adestrador do Espanyol!

E ela veña a abrir os ollos como se viñeramos de atopar ouro no río.

- Ostrás! Jonathan Vila, do Betis!!!

- Halaaaaaaaaaaaaaaaa, o escudo do Dépor!!!

E si, tocounos o escudo do Dépor. Ese mesmo que reproduzo aquí.

O escudo do Deportivo de LA Coruña, é dicir, un escudo que non respecta a toponimia oficial da cidade.

Daquela, eu pregúntolle aos moitos seareiros e seareiras do Dépor se pasaría algo se no escudo aparecese de A Coruña, se pensan que alguén iría correndo a darse de baixa no caso de que o presidente decidise poñer o nome da cidade ben. Se caería Riazor ou algo. Se xogarían peor ou así.

Ou dito doutra maneira: igual había que encetar algunha clase de acción seria e decidida para pedirlle dúas cousas ao Dépor:

1.- que se esforcen para ascender

2.- que lle chamen á cidade co seu nome de verdade

Sabemos de sobra o que o fútbol move e como se imitan as condutas dos xogadores e dos seus dirixentes. Daquela, se o Dépor fixese un xesto así de simple, moito ben lle farían á lingua propia de Galicia, é dicir, a dese país que, como o Celta, se esforzan en dicir que representan.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Outro fragmento máis de IN VINO VERITAS

20th Agosto 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Como este luns presento IN VINO VERITAS en Sanxenxo (20’30. Sede Náutica Novacaixagalicia, acompañado de María Solar), e como hoxe é sábado e sempre vos deixo un texto lido na miña voz, vai outro fragmento da novela.

Estamos no instante no que Carolina Vilabranca, a muller fatal da novela (e que podería ser a da foto que vos deixo), entra por vez primeira no despacho de Míguez, o detective que a protagoniza. Entrégalle unhas fotos de contido sadomasoquista nas que aparece, feliz da vida e pasándoo de marabilla, o seu respectabilísimo marido, Lois Durán.

O texto, na miña voz, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PRESENTACIÓN DE ‘IN VINO VERITAS’ EN SANXENXO

19th Agosto 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Despois das presentacións de Vigo, Santiago e A Coruña, este luns andarei por Sanxenxo, na compaña da escritora e xornalista María Solar, presentando a miña nova novela, IN VINO VERITAS.

O acto dará comezo ás 20.30 na Sede Náutica Novacaixagalicia.

Estades todas e todos convidados.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MÁIS TRISTE NON PODO ESTAR

18th Agosto 2011 by franciscocastro 12 Comentarios

Hai algúns meses que noto que me custa moito ler. As letras son cativas de máis e, cando me ergo (sempre leo a prensa na rede mentres fago o almorzo) tardo un cacho en ver correctamente o que hai na pantalla. Cos libros e os xornais, ou calquera cousa impresa, teño que poñelos moi lonxe de min para enfocar correctamente.

Os brazos estanme a medrar perigosamente.

Daquela, e aproveitando que estou de vacacións, pedín vez na óptica para facer unha revisión.

Cheguei e mandáronme entrar nunha sala chea de trebellos deses de primeiro un ollo, dime que ves, logo outro, e agora que tal. O óptico que me recibiu escoitoume contar o que dixen no primeiro parágrafo e fitoume estrañado:

- Parece presbicia, pero es moi novo para iso -dixo moi serio.

Eu sorrín todo cheo de min mesmo.

- Cantos me botas? Xa teño 44!

- Vaia, facíache moito máis novo!

«Empezamos ben», pensei. E púxenme cómodo. Seguro que presbicia non era. Iso soa a algo do meu pai, non dun mozote coma min…

Comezamos a facer as probas de rigor para constatar que, en efecto, a gradación das gafas xa non me valía. E que si:

-Tes presbicia, é dicir, vista cansa. É algo que a partir dos corenta é moi habitual. O teu cristalino está a perder flexibilidade e, xa que logo, estás comezando coa presbicia. Agora, e ata os sesenta anos, isto irá a máis. Logo, aos sesenta, o cristalino xa non se move e aí igual xa non ves un burro a catro pasos. Pero de momento podemos axudarte cuns progresivos. Iso si, eu penso que deberías, polo teu traballo, mercar tamén unhas gafas para ver de cerca…

Botei o resto da mañá alí. Deprimidísimo. Deixándome facer. Podían venderme gafas, unha operación láser, un transplante de cornea ou unha finca en Marina Dor. Eu xa non estaba alí. Eu só me decataba de que estou case que tan preto dos sesenta como dos trinta que aínda tiña o outro día. Segundo ese señor que me deu non sei cantas explicacións abrindo un libro onde se vía un ollo por dentro e non sei que máis porcalladas, pola idade que teño o normal é que o meu organismo comece (cito literalmente), «unha certa decadencia». Comprenderedes que non son frases que a un guste moito escoitar, e menos cando se está de vacacións. Por iso ao final caeron unhas gafas progresivas e outras para ler de preto. As vacacións nun cruceiro da terceira idade para outro día…

Sobre as gafas para ler de cerca, engadiu:

-Xa sabes, esas que terás que levar sempre contigo cando queiras pasar moito tempo lendo.

-¿E se teño que parar de ler, como fago? Eu que sei, se vén alguén a preguntarme algo ou así. ¿Vou ter que andar a cambiar de gafas todo o rato como fai un veciño repelente nas reunións da Comunidade, ou o camareiro do bar cando quere botar a conta???

El, serio coma unha sentenza, non pareceu entender que quizais había algo de cómico (ou de desesperado) no meu comentario.

-Pois nada, como os velliños. Se as pos na punta do nariz, sempre podes ver por arriba.

E foi el e fixo iso. Puxo as súas na punta do nariz (de súpeto foi como se tivese vinte anos máis) e fitoume, baixando o queixo que pegou ao peito, aos meus ollos alucinados.

Pois iso, que máis triste non podo estar.

Chosco.

De mediana idade.

E con dúas gafas para segundo as ocasións.

Chuzame! A Facebook A Twitter