O MEU POEMA PARA ALEXANDRE BÓVEDA

Posted by franciscocastro - 22/07/11 at 02:07 p.m.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizou unha exposición que se pode ver ata o vindeiro 31 de agosto, na Coruña, e no que se mesturan obra gráfica, pintura, escultura e manuscritos de artistas, escritores e escritoras de todo o pais que acudiron á chamada para expresar como ven eles, 75 anos despois do seu asesinato a figura de Alexandre Bóveda.

Eu participei cun poema. Pediron que o enviásemos manuscrito e nun papel de calidade, para que se puidese amosar na exposición.

Quen se achegue por alí descubrirá como, a pesar dos meus moitos esforzos, teño unha letra pésima.

E para os que non poidan ir, deixo aquí o meu poema:

Galicia debaixo da chaqueta

furando o peito furado

coma carta recibida derradeira

de todos os que te soñamos despois.

Dixeches que os perdoabas

pero eles non te perdoaron

e devecen por fusilarte de novo

(ai, se puideran).

Durmes coa bandeira galega fundida

nas cinzas de quen foches.

Agora

inmortal.

Os comentarios están pechados.