O sector editorial na Literatura 2.0

Posted by franciscocastro - 09/07/11 at 11:07 a.m.

Baixo ese título publiquei onte un artigo en El Correo Gallego, convidado por Arantxa Serantes, e que vai de seguido.

A miña nena ten tres anos e, xa que logo, non sabe ler. Pero colle o iPad e é quen de procurar unha aplicación de Contos Interactivos e escoller un. Todo a toque dun dedo. E aparecen as letras (que aínda non identifica) e a locución vai guiándoa pola historia. E descubre onde ten que premer para que pase algo. Porque os nativos dixitais que len na pantalla len doutra maneira e, xa que logo, para eles a lectura implica un determinado nivel de interactividade. E iso é lectura. Que é do que agora debemos falar no sucesivo. Xa non tanto de literatura senón dunha nova experiencia de lectura.

O papel como o básico, cando menos de momento, pero cada vez máis pegadas as propostas literarias a posibilidade de complementarse na Rede, como parte mesma da trama. Escribiremos, co tempo, para a pantalla. Porque eu como autor podo ir deixando pegadas dixitais polo cibernético mundo adiante para que se siga a miña historia. Ou porque a realidade aumentada vai facer que cando o meu móbil reciba determinado aviso porque estou xeolocalizado por Google, ou por quen sexa, nun escenario da miña obra, algunha información relevante apareza.

Xa o escribín algunha vez refuxiándome en T. S. Kuhn: estamos cambiando o paradigma. A industria editorial moi en concreto (en Galicia aínda non tanto, porque o noso mercado é o que é, pero por aí fóra moito máis). Porque, neste contexto de Literatura 2.0 hai que redefinir tamén todos os elos da cadea de produción do libro. O autor xa non necesita necesariamente (nótese a redundancia, posta aquí a mantenta) da editorial. Calquera pode publicar(se).

CRITERIO DE CALIDADE. E ollo, non nos referimos só a colgar un textiño nun blog ou web persoal. Falamos de facer verdadeiros eBooks (xa son libros, non son de mentira), ben maquetados, usando o formato ePub, a cada día máis útil e achegado formalmente ao que entendemos por maquetación convencional. Ese autor pode vender os seus libros directamente dende a rede ou a través das moitas librerías electrónicas que, a golpe de clic, lle descargan en poucos segundos o libro onde se queira ou onde o futuro decida. Obviamente, estamos a falar dun proceso que pon fóra, de o autor querer, á editorial, co cal o criterio de calidade que a lectura atenta dos profesionais da edición garante, desaparece.

O criterio de calidade agora será o número de descargas, é dicir, o éxito medible obxectivo concreto que os internautas demostren. Pero quedan fóra as distribuidoras (a día de hoxe esenciais na comunicación física entre autores-editoriais e o público lector) e as propias librerías. Iso: que andamos revolucionados. Eu cada día leo máis no meu reader. Só boto de menos o cheiriño fresco e algo acedo do papel e da cola. Pero xa mo solucionarán.

Os comentarios están pechados.