OS CATIV@S NON SABEN QUE O GALEGO É A LINGUA DE GALICIA

Posted by franciscocastro - 07/07/11 at 02:07 p.m.

Xa teño contado moitísimas veces as aventuras, por dicilo en bonito, polas que teño pasado por ser galegofalante nunha cidade como Vigo, en especial, por onde eu vivo, no centro máis urbano e “profesional”, en especial, coa xente que non acaba de entender moi ben que ao meu fillo e á miña filla lles fale sempre, e só, en galego.

Sen embargo, nunca antes me sucedera nada cun pequecho. E pasoume antonte, cunha neniña duns dez anos, aproximadamente, unha nena galega (coñezo di vista á nai, unha veciña) e, xa que logo, unha cativa escolarizada, é dicir, que cando menos, polo sistema educativo, xa sabe (ou debería saber) da existencia do galego.

Sen embargo o que nos pasou no parque confirmoume algo que levo sospeitando: que moitos nenos e nenas ignoran que a lingua propia de Galicia é o galego.

A miña pequecha, que é a tipa máis sociable do mundo, achegouse a ela, porque tiña un canciño, e veña a facerlle aloumiños, e mira, papá, acariña ti tamén ao canciño, e papá acariña ao canciño e dille, que canciño máis lindo, e a miña nena aproveita para preguntar, e nós podemos ter un? E así vai a conversa ata que a dona do can, a nena veciña duns dez anos, pregúntame:

– Habláis siempre en gallego?

Esta pregunta fixéranma moitas veces, xa o contei aquí, sempre adultos. Nunca alguén tan pequeno. Dixen que si, claro. Ela abriu os ollos con esa espontaneidade coa que os pequenos acenan, e botou as mans á cabeza, e logo tapou a boca, e o seu abraio significaba algo así como “mimá, non o podo crer”.

Aí, diante da sopresa da nena, decateime dalgo no que antes non reparara, ou non dun xeito consciente: que moitos nenos e nenas ignoran que a lingua propia do lugar onde viven (miren que non digo país, nin nación, nin nada), a fala singular do lugar onde viven, insisto, é o galego. Que me mire espantada quere dicir que lle parece unha rareza. Cando o raro sería que lle falara inglés sendo un veciño case que da porta do lado. Ou que tivese antenas e fose verde.

Daquela, que é o que pasa?, estamos facendo o esforzo, de verdade, porque os nados aquí saiban este dato esencial?

Ou non será que no fondo para eles e para elas escoitar esa lingua é escoitar un idioma estranxeiro?

Os comentarios están pechados.