PRESENTACIÓN DE ‘IN VINO VERITAS’ EN VIGO

Posted by franciscocastro - 28/06/11 at 02:06 p.m.

O vindeiro martes presentarei a miña nova novela, para adultos/as, In Vino Veritas e que publica Galaxia. Será ás 20.30, na Feira do Libro de Vigo e estades todos e todas convidados. Terei a sorte de ser acompañado polo director xeral da editorial, o escritor Víctor F. Freixanes, e por un dos músicos que máis admiro do mundo, Anxo Pintos.

Como é moi difícil falar da propia obra (aínda que terei que facelo o martes, e máis adiante en Santiago e A Coruña), limitareime, agora, a reproducir o texto que vai na contracapa. É unha boa declaración de intencións.

Segundo o seu autor, Francisco Castro (Vigo, 1966), In vino veritas é unha novela furiosa.
Xulio Míguez, detective sen vocación, recibe a encomenda de atopar un famoso adegueiro desaparecido e relacionado co ambiente do sadomasoquismo máis tétrico. Parodia de novela policial, a historia deita unha ollada crítica sobre os medios de comunicación e a parvura colectiva que o telelixo está a provocar nunha cidadanía durmida.
Un texto acedo no que o autor de Spam, co seu estilo característico, reflexiona sobre a realidade e as súas miserias.

Os comentarios están pechados.