NECESITAMOS A ERNESTO SÁBATO!

Posted by franciscocastro - 24/06/11 at 02:06 p.m.

Hoxe Ernesto Sábato cumpriría cen anos. Como sabedes, morreu hai moi pouco, no mes de Abril pasado. Na historia queda por libros como El Túnel. Nada que discutirlle á súa gloria literaria.

Mais eu sempre o terei na miña mamoria asociado ao Informe que leva o seu nome e que permitiu abrir o proceso de enxuizamento á Xunta Militar Arxentina (que neste caso rima con Asasina) e a súa posterior condena (eles si souberon facerlle fronte ás feridas, non como aquí, que aínda hai quen non quere aplicar a Lei de Memoria Histórica). Grazas ao equipo que el dirixiu, a verdade sobre as atrocidades, cos seus nomes e apelidos, en toda a súa crueza, viu a luz. Sen dúbida, unha boa maneira de impedir que a barbarie se repita.

Pensaba en Sábato hoxe, ao tempo que espertaba lendo na prensa que en Holanda absolveron a un líder islamófobo que denigra ao islam dende o seu partido de ultradereita, ao tempo que vexo como algún mete os crucifixos nos parlamentos, ao tempo que vexo como en vez de ir para adiante, insistimos en ir para atrás e para atrás.

Eu preciso dun Ernesto Sábato que sente diante do papel e me explique todo isto. Que me sinale aos errados para apartalos e que deixen de amolar. Que ao final sempre hai alguén que sufre porque outro alguén pide comezar coas cruzadas…

Os comentarios están pechados.