PARA ESTA NOITE DE SAN XOÁN

Posted by franciscocastro - 23/06/11 at 02:06 p.m.

Para esta noite de San Xoán pido que se queimen todas as angurias da humanidade xuntas. Síntome tan xeneroso e ando tan contento que non teño intención de queimar nada persoal esta noite porque nada me sobra e porque xa me quitei hai tempo algúns lastres pesados. Sei que o lume sempre é purificador. Pero nesta noite de incertezas e calores e escuridades luminosas, como todas as noites dende que me declarei en folga de razoamento e anémico de preocupacións, agora que non uso reloxo nin deeneí, agora que xa estou de volta de todo e case que nada me preocupa máis que todo o que me preocupa, porque todo o que me importa é transcendente, para esta noite resérvome o dereito de saltar unha cacharela con espírito suicida e alegre, para levar a vida, a vida enteira, a vida tola entolecida de tolemia ata superar todas as barreiras que dende a educación, a moral, e o pensamento correcto, se nos fixo crer e que, xa que logo, tanto nos pesa.

Para esta noite longuísima e sen fin, desexo que ardan nos fachos alumeados do país, as escuridades negrísimas dos que nos odian. E que collan novo pulo de enerxía os que nos queren, os que darían a vida por nós, os que latexan ao noso carón. Os que nos miran con xenerosidade.

Que esta noite reviva a vida vivida.

Os comentarios están pechados.