POBRES BURUAGA E PEDROJOTA

Posted by franciscocastro - 22/06/11 at 02:06 p.m.

Leo que Veo 7, unha canle dixital dirixida por Ernesto Sáenz de Buruaga (soldo seu: 600.000 euros anuais), está en quiebra técnica e a piques de botar o peche. Falamos da emisora de TV onde Pedrojota está todo o rato facendo política e dando clases de Ética.

Eu sonlles de crer na xustiza poética. E estou convencido de que o tempo sempre pon a cada un no seu sitio. E que a audiencia lle dea as costas a este proxecto paréceme que é un exercicio diso, de xustiza poética. Porque a xente, a pesar de que a temos un chisco aparvada, sabe que hai lindes que non se poden superar. E aínda que asumimos que sempre hai un certo nivel de tendenciosidade en todos os medios de comunicacións (ou nos blogues, claro), é tamén ben certo que non se apoia, ou non durante moito tempo, a quen fai da “información”, mentira continua, como é o caso destas Intereconomías, Copes, etc. Intereconomía, por certo, anda a dar un número de conta, na radio, para que a xente ingrese cartos “para defender la verdad”, é dicir, para poder seguir emitindo. Na cuña radiofónica, que non ten desperdicio, bótanlle a culpa do mal que lles van as cousas ao goberno de Zapatero (xa saben, ten a culpa de todo; esta noite durmín fatal e boteille as culpas a ZP, a quen se non).

Hai pouco, fixéronme unha enquisa os de R. Díxenlles que estaba moi contento con todo. Internet. Teléfono. A revista. O trato telefónico cando teño algunha incidencia. Por non insistir no moito que valoro a súa aposta polo galego. A enquisa remataba e preguntáronme se quería engadir algo. E dixen que si. Que quería que me quitasen da oferta televisiva Veo 7 e Intereconomía e outras canles de ultradereita. O pobre home que me facía a enquisa dixo que tomaba nota, pero que iso non podía ser, que o paquete tiña que ser completo.

Así que, como non puido ser, por un asunto de paquetes, a realidade veu botarme unha man. Sinto por Buruaga e Pedrojota, que agora a ver que van facer no paro, meus pobres…

Os comentarios están pechados.