A moral de Carlos Negreira

Posted by franciscocastro - 20/06/11 at 02:06 p.m.

Avisámolo hai días. Que non pode ser que un político leve no programa electoral que vai incumprir a lei. Dixémolo e reflexionamos sobre iso e sobre que o máis grave era que saíse elixido, e con maioría absoluta, alguén que avisa que non vai respectar a lei e a orde establecidas.

Coherente co seu programa electoral (ninguén vai poder dicir que non cumpre as súas promesas) o alcalde da Coruña non tardou nin media semana en recuperar o artigo en castelán para referirse oficialmente e a través dun comunicado oficial do concello, a La Coruña. Velaí está. E, imaxino, co beneplácito dos cidadáns e cidadás da cidade, que para iso, entre outras cousas, o escolleron.

Paréceme que este feito non ten moito que ver coa cuestión da lingua. Ten que ver coa moral, coa ética, co mundo dos valores. Soa quizais cursi ou, incluso, soa a vello. Mais créoo así. Aos que nos gobernan debemos pedirlles algo máis que feitos. Hai que pedirlles tamén respecto á lei, á orde, ás normas emanadas dos parlamentos. Como é o caso da Lei de Normalización Lingüística que contempla só un nome posible para a cidade herculina. Se Abel Caballero, ou Conde Roa, decidiran chamarlle a Vigo e a Santiago, por exemplo, Liverpool ou Asunción, por dicir dúas parvadas, diriamos, é que eses nomes non son oficiais. Pois La Coruña tampouco.

O de Negreira non é un asunto de lingua. É un problema de baixeza moral (por certo, velaquí as palabras do seu discurso de toma de posesión, tomadas da web do Concello; aí fala con claridade de LA Coruña)

Os comentarios están pechados.