Merecemos outros medios

Posted by franciscocastro - 16/06/11 at 02:06 p.m.

Hoxe, como cada mañá, dei unha volta pola prensa galega toda. Poden crerme. Leo unha morea de xornais. De feito, amo os xornais. Escribín nun durante 13 anos seguidos. Cando marchei para dedicarme a outras cousas xa non me volveron chamar.

Igual é porque os medios tradicionais, como no meu último post refería falando da literatura, tamén baixaron tanto o nivel (e ollo, eu non ía subir o nivel, non me malentendan), que xa os articulistas máis ou menos sesudos (é o que temos os calvos, que somos todo cabeza) xa non interesan.

Eu estou indignado cos medios. De feito, cando fun falarlles aos indignados o outro día quería insistir nisto. E sinto moito padecer desta indignación porque eu amo os medios de comunicación. Mais sinto indignación con eles por moitos motivos. En especial coa prensa galega. E xa non só porque non conta case que nada coa nosa lingua, senón, sobre todo, porque está contribuíndo á parvura colectiva.

Hoxe, sen ir máis aló, nun só xornal (tanto ten cal, estaba máis ou menos en todos), infórmaseme de que Bisbal rompeu coa moza, que nun reality de Tele 5 non sei quen lle dá “aguadillas” (co bonito que é dicir “caladas”) a outro, e que Gasol comeu marisco en Galicia. E dirán vostedes: é o que lle interesa á xente. E eu respondo: collan vostedes, nas hemerotecas, os xornais dos anos oitenta, nomeadamente El País, e verán que antes facían outra clase de información, ser xornalista significaba outra cousa. Daquela, non sei se a xente ve Dónde estás corazón porque se volveu imbécil ou se porque lle poñen Supervivientes nos volvemos paifocos.

En calquera caso, coido que merecemos outros medios.

Os comentarios están pechados.