OS QUE FALAMOS EN GALEGO LIGAMOS MÁIS

Posted by franciscocastro - 06/06/11 at 02:06 p.m.

Onte expliqueivos que os que lemos libros somos máis guapos e guapas. Hoxe quero deixar claro que os que falamos en galego ligamos moitísimo máis que os que falan en castelán.

Direivos por que.

Un día da semana pasada estaba eu, como tantos seráns deliciosos, coa miña cativa nun parque vigués. Por alí cun libro, e atento ás súas demandas, vixiando, subíndoa na rendeeira, recollendo pas e cubos de Caillou. Mentres vai pasando a tarde, vexo unha muller de espectaculares ollos verdes que me mira en distintos momentos. Eu non sei quen é pero, xa que estamos, míroa tamén.

Cando xa é tarde e hai que ir marchando e lle digo á miña nena que hai que ir tirando, os ollos verdes achéganse a min. Ela fálame  ao tempo que me agasalla cun sorriso lindo:

– Yo a ti te conozco.

– Non sei. Eu a ti non.

– Si, te conozco de algo.

Eu  non sei se nos coñecemos ou non. Pero van dous bicos, por se acaso.

E daquela, ela aclárao todo, o por que do seu interese en min:

– Es que ya me había fijado en tí hace unos días. Como siempre  hablas gallego…

Esta tarde volvo ao parque. Polo ben do noso idioma, claro.

Os comentarios están pechados.