LEONARD COHEN

Posted by franciscocastro - 02/06/11 at 02:06 p.m.

http://youtu.be/_Af4p3OUX1I
Poucas veces un Premio Príncipe de Asturias (escribe aquí un republicano) me pareceu máis xusto que o deste ano a Leonard Cohen. Da miña devoción por el xa falei unha manchea de veces. Como unha manchea de veces sinalei que algunhas das mellores páxinas literarias do século pasado (vaian preparándose os puristas para me ir á chepa) están en cancións: nalgunhas de Dylan, nalgunhas de Lennon. Sobre todo, en Leonard Cohen.

Por iso e, a pesar de que adoro ao músico, a pesar de que non lembro concerto máis emocionante (de chorar, eu chorei, si) que o de Vigo de hai dous veráns, a pesar de que escoito e escoito con devoción zen todas e cada unha das súas cancións, hoxe eu quero reivindicar, aproveitando o do premio, ao poeta grande, enorme, sublime, que Leonard Cohen é. Nos meus obradoiros de poesía están sempre os seus textos. Porque poucos coma el souberon explicarme o desexo, a espera, a loucura de agardar polo que ten que chegar e non dá chegado.

Os comentarios están pechados.