CARLOS NEGREIRA, BERLUSCONI, E A VELLA ESTIRPE DOS NON DEMÓCRATAS

Posted by franciscocastro - 29/05/11 at 10:05 p.m.

Miren que a min  non me gusta moito escribir sobre estas cousas, pero é que non me podo conter. Porque leo que o alcalde electo da Coruña, Carlos Negreira, xa avisou de que vai parar o de cambiarlle o nome franquista a algunhas rúas como manda a lei e que o topónimo da cidade vai ser o que decida a corporación municipal (na que ten maioría absoluta), e que se deciden que La Coruña, incumprindo a lei, pois con L será (nuncaagacharon que esa é a súa proposta).

Eu a este señor non o coñezo de nada así que, en principio, tampouco teño nada en contra del. Espero que el tampouco en contra miña, pois coido que tampouco sabe da miña existencia. Pero polo que plantea para o futuro, si que estou autorizado a opinar sobre el, como político (seguro que é unha persoa excelente, non teño por que pensar o contrario) e dicir que pertence á vella estirpe dos que non son demócratas ou, se queren, dos que confuden a lexitimidade democrática (que ninguén lle discute: gañou con maioría absoluta e daquela nada que dicir), con autorización para facer o que lle pete. E esa é confusión perigosa.

Eu non me meto, nin sequera, no feito de que no seu día se manifestara con Galicia Bilingüe, como Coriña Porro e outros nomes ilustres do PP galego. Alá el. Xa a historia o porá no seu sitio, non se preocupen. Pero si que me meto cun futuro alcalde que leva no programa, explicitado e con todo o morro, que vai incumprir a lei. Porque, que eu saiba, a Lei de Memoria Histórica (aprobada coa mesma lexitimidade que a el leva á alcaldía de A Coruña) é unha lei en vigor en todo o Estado e, daquela, de obrigado cumprimento aínda que a el ou ao seu partido  non lle guste. E o nome único da cidade é A Coruña e non pode ser outro aínda que a corporación así o decida.

Por iso poño aí o nome de Berlusconi. Aínda que podería poñer o de Nixon ou o doutros moitos de terrible lembranza. Políticos que pretenden que a lei se faga segundo os seus intereses coxunturais do momento concreto. Para non ser procesados, caso do italiano. Ou, no caso de Nixon, para que se lle acepte calquera clase de comportamento (como el dicía, cando lle caían por todas partes: “se o presidente o fai non pode ser ilegal”). O cerne do problema está aí: que un pobo te avale cos votos dáche lexitimidade para gobernar, pero non para lexislar calquera cousa e, por suposto, nunca, nunca, para saltar a lei. Imaxinemos un concello con maioría absoluta que decidise prohibir ás mulleres traballar, ou meter no cárcere aos calvos por pouco estéticos. Botariamos as mans á cabeza. Que teñas votos non te confire dereitos para non cumprir leis estatais ou autonómicas. Ningún tipo de lei, de feito.

Esta clase de políticos confunden o apoio co dereito feudal. Xa son un cargo, non teño límites. Pois si, tes límites. Os que marca a lei aos que tamén ti estás obrigado. Por iso me preocupa non tanto que gañe Negreira (sen dúbida, e isto vai sen retranca ningunha, será o mellor para os coruñeses na medida en que así o decidiron) senón en que haxa políticos que leven no programa electoral a idea manifesta de incumprir a lei (ou aproveitarse do cargo: lembro cando Horacio Gómez, naquela altura presidente do Celta entrara nas listas do PP de Vigo e no primeiro mitin dixera que estaba en política “para beneficiar ao Celta”, unha Sociedade Anónima, unha empresa privada. Súa, por certo).

O primeiro que hai que pedirlle a un político en democracia é ser demócrata.

E os demócratas acatan a lei. Se cadra, se a ven inxusta, loitan por unha mellor. Senón, non son demócratas. Son outra cousa. Pero eu aí xa non porei cualificativos.

Os comentarios están pechados.