DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Riobó

Posted by franciscocastro - 14/05/11 at 11:05 a.m.

Estes días está falándose, e moito, do debut discográfico de Riobó, un grupo galego que está chamado a brillar e moito, no noso panorama musical máis moderno. Unha formación que bebe da tradición para reinventala e dárnola fresca coma sempre, e chea de vida. Á fronte, unha violinista excepcional cunha presenza escénica engaiolante. Poucos profesionais da música como Begoña Riobó posúen esa capacidade para contaxiarnos as ganas de ser felices cando tocan para nós. Canda ela, músicos da solvencia e a sensibilidade de Fernando Barroso, Marcos Campos, Xosé Liz e Fernando Pérez. Téñoos oído a todos en distintas formacións. Eu, músico frustrado, cambiaríame sen o dubidar por ser dono da metade da metade do talento de calquera deles.

Para o lanzamento do seu primeiro CD, que se chama como o grupo, comenteron a inconsciencia de pedirme que lles escribira todos os textos do disco. Fixen un de presentación, e un para cada un dos temas. Esa é, por suposto, a parte prescindible do disco. Agás para min, agasallado con esta oportunidade.

Puiden gozar da música antes de que fose disco e deixei que a vitalidade que desprende este Mapa da Xeografía das Emocións, que é este mollo de cancións poderosas, me inspirase.

Aí á dereita quédavos o tema que están a mover na rede, Estróupele, e aquí, na miña voz, o que eu escribín inspirado por esta música.

Os comentarios están pechados.