NON TEÑO PALABRAS

Posted by franciscocastro - 07/05/11 at 11:05 a.m.

http://youtu.be/0l46xG8C4aM

(Tendes que ver o video até o final. Pero antes tendes que ler o post)

Dixen que xa non podía pedir máis.

Pero aínda recibo máis.

E eu, escritor, traballador das palabras, quedei sen elas.

A experiencia é a seguinte: os alumnos e alumnas de segunda da ESO do IES As Barxas, que non leron Chamádeme Simbad pero que están a traballar na campaña Salvar un libro en galego, estaban a gravar a compañeiros e compañeiras lendo fragmentos de libros que salvarían. Alí estaban, coidando do audio, das cuestions técnicas, para que todo tivese a mellor das calidades, cando de súpeto aparecen unhas señoras cantando. Claro, pensaron que se lles estragaba o traballo. Elas achegáronse e preguntaron que estaban facendo aqueles cativos e a profesora. Explicaron. E elas dixeron que querían ler tamén. Son enfermas de alzheimer que ían coa súa coidadora, quen lles explicou á rapazada o que é a enfermidade. Ficaron moi impresionados. As señoras saen no video e están marabillosas.

Coma min cando vin o video, no que introduciron un audio meu arredor un poema que titulei A muller de Alzheimer. Nuns días irei ao seu instituto, a partillar con eles unhas palabras sobre o libro na compaña da directora do Centro de Día onde estas mulleres son atendidas.

Eu, traballador das palabras, estou sen elas. Emocionado. Pero sen elas (agora vede o video. Agora)

Os comentarios están pechados.