Archive for Maio, 2011

CARLOS NEGREIRA, BERLUSCONI, E A VELLA ESTIRPE DOS NON DEMÓCRATAS

29th Maio 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Miren que a min  non me gusta moito escribir sobre estas cousas, pero é que non me podo conter. Porque leo que o alcalde electo da Coruña, Carlos Negreira, xa avisou de que vai parar o de cambiarlle o nome franquista a algunhas rúas como manda a lei e que o topónimo da cidade vai ser o que decida a corporación municipal (na que ten maioría absoluta), e que se deciden que La Coruña, incumprindo a lei, pois con L será (nuncaagacharon que esa é a súa proposta).

Eu a este señor non o coñezo de nada así que, en principio, tampouco teño nada en contra del. Espero que el tampouco en contra miña, pois coido que tampouco sabe da miña existencia. Pero polo que plantea para o futuro, si que estou autorizado a opinar sobre el, como político (seguro que é unha persoa excelente, non teño por que pensar o contrario) e dicir que pertence á vella estirpe dos que non son demócratas ou, se queren, dos que confuden a lexitimidade democrática (que ninguén lle discute: gañou con maioría absoluta e daquela nada que dicir), con autorización para facer o que lle pete. E esa é confusión perigosa.

Eu non me meto, nin sequera, no feito de que no seu día se manifestara con Galicia Bilingüe, como Coriña Porro e outros nomes ilustres do PP galego. Alá el. Xa a historia o porá no seu sitio, non se preocupen. Pero si que me meto cun futuro alcalde que leva no programa, explicitado e con todo o morro, que vai incumprir a lei. Porque, que eu saiba, a Lei de Memoria Histórica (aprobada coa mesma lexitimidade que a el leva á alcaldía de A Coruña) é unha lei en vigor en todo o Estado e, daquela, de obrigado cumprimento aínda que a el ou ao seu partido  non lle guste. E o nome único da cidade é A Coruña e non pode ser outro aínda que a corporación así o decida.

Por iso poño aí o nome de Berlusconi. Aínda que podería poñer o de Nixon ou o doutros moitos de terrible lembranza. Políticos que pretenden que a lei se faga segundo os seus intereses coxunturais do momento concreto. Para non ser procesados, caso do italiano. Ou, no caso de Nixon, para que se lle acepte calquera clase de comportamento (como el dicía, cando lle caían por todas partes: «se o presidente o fai non pode ser ilegal»). O cerne do problema está aí: que un pobo te avale cos votos dáche lexitimidade para gobernar, pero non para lexislar calquera cousa e, por suposto, nunca, nunca, para saltar a lei. Imaxinemos un concello con maioría absoluta que decidise prohibir ás mulleres traballar, ou meter no cárcere aos calvos por pouco estéticos. Botariamos as mans á cabeza. Que teñas votos non te confire dereitos para non cumprir leis estatais ou autonómicas. Ningún tipo de lei, de feito.

Esta clase de políticos confunden o apoio co dereito feudal. Xa son un cargo, non teño límites. Pois si, tes límites. Os que marca a lei aos que tamén ti estás obrigado. Por iso me preocupa non tanto que gañe Negreira (sen dúbida, e isto vai sen retranca ningunha, será o mellor para os coruñeses na medida en que así o decidiron) senón en que haxa políticos que leven no programa electoral a idea manifesta de incumprir a lei (ou aproveitarse do cargo: lembro cando Horacio Gómez, naquela altura presidente do Celta entrara nas listas do PP de Vigo e no primeiro mitin dixera que estaba en política «para beneficiar ao Celta», unha Sociedade Anónima, unha empresa privada. Súa, por certo).

O primeiro que hai que pedirlle a un político en democracia é ser demócrata.

E os demócratas acatan a lei. Se cadra, se a ven inxusta, loitan por unha mellor. Senón, non son demócratas. Son outra cousa. Pero eu aí xa non porei cualificativos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OUTRO POEMA DE CONTRABANDO

28th Maio 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

A Asociación de Escritores en Lingua Galega vén de editar, como eBook, o libro Vivir, un soño repetido, homenaxe dos socios e socias a Lois Pereiro, con poemas inéditos pensados para el.

Eu contribuín cun poema (xa sabedes, de contrabando), que titulei, en clara referencia a un dos seus máis celebrados textos, Inmodesta Proposición ou Manifesto ou Catecismo.

Para descargar o libro (en formato PDF ou ePub para computadores, readers, iPads, iPhones, etc…) hai que ir aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Son un fetichista

22nd Maio 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Así titulei o meu artigo desta semana no dixital de A Nosa Terra.

Podes ler a miña confesión aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: ‘Na mañá dos teus beizos’

21st Maio 2011 by franciscocastro 3 Comentarios

Cando naceu a miña pequecha deume por escribirlle un poema. Algo que cando lea o día de mañá lle faga entender os sentimentos que me provocou a súa chegada.

Tituleino Na mañá dos teus beizos. É simple. Como o amor que lle temos aos fillos e ás fillas.

Queda, na miña voz, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

POLÍTICOS RACISTAS E XENÓFOBOS

19th Maio 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Remata a campaña electoral e eu só podo dicir que este non é un sitio normal ou, se queren, que este é un sitio moi raro.

Porque raro é un estado de cousas nos que un partido solta unha bomba racista e non pasa nada. Concretamente, refírome aos responsables do PP catalán que, o pasado venres, largaron nun discurso que «varios informes detectan que en Barcelona se dan enfermidades erradicadas, traídas polos inmigrantes». Ou o que é o mesmo: fomento da xenofobia, do racismo, da discrinación pero, sobre todo, fomento da idiocia, da parvura e da memez. E todo, ademais, dende unha profunda actitude de convencemento de que o electorado e parvo do cu, con perdón.

Se este fose un lugar normal, o líder dese partido sairía correndo a pedir desculpas, e a tirarlle das orellas a quen así falou. Se este fose un lugar normal, non se utilizaría o odio ao diferente, ao pobre, ao marxinado, como nasa de votos nunhas eleccións. O medo mobiliza. E o ser humano é susceptible ao medo, sobre todo se quen o propaga goza dunha certa autoritas. E os políticos e as políticas gozan, como outra tanta xente, desa autoridade que debería facerlles consciente que non poden botar pola boca a primeira trapallada que se lles ocorra.

Para min, isto foi o peor,con diferencia, da campaña electoral

Chuzame! A Facebook A Twitter

Eu, pirata

18th Maio 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Hai unha pregunta clásica que se me fai en practicamente todas as visitas aos centros educativos: os cativos e cativas queren saber quen me influíu máis á hora de deseñar ao meu Simbad. O outro día un profe preguntábame se o de Cunqueiro ou o de As 1001 noites.

E o certo é que ningún deles.

O meu Simbad, como o resto dos personaxes da novela, son fillos das películas de piratas que vin durante a miña infancia no Cine Roxy de Teis. Botei alí anos e anos, en sesións continuas de películas de piratas, en sesións infantís do domingo á tarde ás tres e media. Despois, na adolescencia, na parte de atrás, con dúas mozas (non direi nomes: un cabaleiro non fala de certas cousas) coas que descobrín o interesante que pode ser a escuridade do cinema.

O meu Simbad é fillo das películas de corsarios románticos que queren romper a lei e vivir á súa marxe, aqueles de sombreiro grande que agachaban guedellas pegañentas de tan cotrosas. A influencia son as mil versións de A illa do tesouro, daquela, débolle máis a Stevenson que a moitos outros, pois me deu a Long John Silver e a Jim Hawkins. O meu personaxe, e o seu avó, son fillos daquelas fitas emocionantes cheas de piratas con pata de pao e cacatúa irreverente, preñadas de personaxes que darían a vida, pero nunca a honra, por atopar o tesouro, sempre preparados para o motín, armados de loucura e anegados de ron; piratas que perden a cabeza a mans doutros piratas ou por amor; corsarios, bucaneiros, filibusteiros de espada grande e afiada, sempre disposta para o roubo, ou, como Sandokán, para facer xustiza.

O meu Simbad é un fillo glorioso dos meus gloriosos domingos pola tarde no Roxy.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O DÍA DAS LETRAS, RECITANDO A PEREIRO EN VIGO

16th Maio 2011 by franciscocastro 5 Comentarios

Mañá martes participarei, dentro dos actos organizados pola Plataforma Queremos Galego, na Mobilización Expansiva que se celebrará en distintos lugares do país. Estarei en Vigo, claro. A lectura de poemas de Lois Pereiro, e outros textos, iníciase ás 11.30 na Praza da Princesa. Eu lerei ás 13 horas.

Así que se algún ou algunha de vós anda por alí, aínda lle damos un pouco -nunca mellor dito- á lingua.

Chuzame! A Facebook A Twitter

POEMAS DE CONTRABANDO

15th Maio 2011 by franciscocastro Comentarios desactivados

Así titulei unha serie de poemas que me pediron para a mítica, para min, revista de poesía DORNA. O título está tomado de Berger. Salvando as distancias, é obvio, eu tamén me sinto algo contrabandista cando escribo poesía. Coando poemas cando me piden algo para libros colectivos ou, como é o caso, para as revistas literarias. Indo como por detrás.

Van 16 libros de narrativa e a piques de saír outro. Pero non hai poemario.

Aínda.

Están aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Riobó

14th Maio 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Estes días está falándose, e moito, do debut discográfico de Riobó, un grupo galego que está chamado a brillar e moito, no noso panorama musical máis moderno. Unha formación que bebe da tradición para reinventala e dárnola fresca coma sempre, e chea de vida. Á fronte, unha violinista excepcional cunha presenza escénica engaiolante. Poucos profesionais da música como Begoña Riobó posúen esa capacidade para contaxiarnos as ganas de ser felices cando tocan para nós. Canda ela, músicos da solvencia e a sensibilidade de Fernando Barroso, Marcos Campos, Xosé Liz e Fernando Pérez. Téñoos oído a todos en distintas formacións. Eu, músico frustrado, cambiaríame sen o dubidar por ser dono da metade da metade do talento de calquera deles.

Para o lanzamento do seu primeiro CD, que se chama como o grupo, comenteron a inconsciencia de pedirme que lles escribira todos os textos do disco. Fixen un de presentación, e un para cada un dos temas. Esa é, por suposto, a parte prescindible do disco. Agás para min, agasallado con esta oportunidade.

Puiden gozar da música antes de que fose disco e deixei que a vitalidade que desprende este Mapa da Xeografía das Emocións, que é este mollo de cancións poderosas, me inspirase.

Aí á dereita quédavos o tema que están a mover na rede, Estróupele, e aquí, na miña voz, o que eu escribín inspirado por esta música.

Chuzame! A Facebook A Twitter

APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 5

8th Maio 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Hai sesenta anos finou o filósofo que máis lin na miña vida (ao meu favor que só escribiu dous libros, un deles de apuntamentos e o primeiro, moi breve). Refírome a Ludwig Wittgenstein, moi concretamente ao seu Tractatus logico-philosphicus que leva acompañándome durante toda a vida. Poucos libros coma este para reflexionar sobre a linguaxe e as súas lindes, sobre o que é a linguaxe humana e o que son as verbas, a relación entre elas e a realidade e, xa que logo, poucas reflexións máis poderosas arredor d0 que se pode dicir ou non se pode dicir, do que se pode expresar a través das palabras (a ciencia) e o que só se pode amosar (a estética, a ética, as cuestións realmente humanas) e dunha maneira difícil e pouco certeira pois non entra dentro do ámbito do que é susceptible de ser recollido dentro de conceptos.

Wittgensetein entendeu, despois de publicar ese texto que racharía en dúas partes a historia da filosofía do século XX, que as cousas realmente importantes eran aquelas para as que a linguaxe humana non tiña recursos. E así, se no Tractatus pedía silencio como única opción, entendeu despois que era o tempo da poesía, da arte, da emoción.

Consecuente co descobrimento marchou a unha aldea remota, abandonou a universidade e todo contacto académico para pasar os seus días aprendéndolles a ler aos cativiños. Cando finou, deixounos os seus apuntamentos e unha frase de despedida: dicídelle a todos que fun moi feliz.

O outro día, na Cea das Letras da AELG, Manuel Rivas sinalaba que «Lois foi capaz de ver alí onde non se pode ver». Cando dixo tal, eu lembreime no momento de Wittgenstein. Porque Lois Pereiro foi quen de poñer as palabras nese lugar onde as palabras non chegan, para alumear o que decote é escuro, para poñernos diante dos ollos poéticos aquilo para o que só a poesía ten os ollos.

Chuzame! A Facebook A Twitter