APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 4

Posted by franciscocastro - 28/04/11 at 03:04 p.m.

Lois Pereiro é o poeta da carne. O que significa que é o poeta da vida. Pois somos carne e só carne e tampouco queremos, algúns, ser máis que carne. Que pode sentir. Que pode transcenderse. Que pode poetizar e pescudar os vierios que nos achegan á beleza.

A carnalidade dos versos de Pereiro vémolos no exercicio, pudoroso (contra do que se adoita escribir) ao respecto da propia doenza, na imaxe na que se constrúe o seu futuro máis que sabido. A pesar da dor (ou quizais pola súa presenza), a pesar da morte que o chama dende tan novo, hai na súa poética unha celebración da vida (o famoso texto a xeito de epitafio, por exemplo). Porque a vida, como xa dixemos, e Nietzsche explicou moito antes, é goce e é dor, e vida e é morte. E todo iso patentízase, maniféstase, en escandalosa e festiva realidade, na evidencia da carne e das súas metamorfoses, nos latexos que soporta, de febres namoradas ou de violencias que o desangran.

Por iso cada palabra de Lois Pereiro é recendo de vida grande. Eu léoo sempre en clave festiva, reivindicadora da existencia. Consciente da grandeza de Ser. Todo iso que nos chega, a pesar do traballo lacerante da tradición xudeocristiana, pola carne.

Os comentarios están pechados.