APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 1

Posted by franciscocastro - 21/04/11 at 10:04 p.m.

Lois Pereiro representa a evidencia de que non é necesaria unha grande obra (léase no senso de moitas páxinas escritas) para que unha poética supere o paso do tempo, único xuíz válido neste oficio da literatura, onde tantos confunden ruído e balbordo con profundidade, saír nos papeis con importancia, ou vender libros con calidade. Pois o certo é que moito antes desta homenaxe polo Día das Letras os seus versos xa provocaran estremecementos en todos aqueles e aquelas que se abeiraran as súas sílabas con vocación estética, allea a prexuízos, tópicos e lugares comúns, aspectos todos que rodean, este ano máis ca  nunca, o inconmensurable da súa obra, dalgunha maneira, vulgarizándoa. Dende un ollo limpo límolo hai moito tempo, antes dos libros e dos suplementos e das conferencias e dos expertos. E xa estremecía. E sabemos que pasará o Día e algúns dos seus poemas seguirán calando na médula dos ósos cunha virulencia eléctrica e necesaria.

Sinto ás veces que hai moita obsesión, máis que con escribir, con publicar, con gañar premios, con figurar en táboas de máis vendidos como se iso significase en verdade algo dende o punto de vista literario. Representa, si, a outros niveis. Pero non dende o punto de vista literario. Ás veces quizais. Polo xeral, non. Xa saben: os recoñecementos, tan alleos á arte. Que nada teñen que ver coa arte. O tópico di que o poeta prefire un só verso inesquencible que mil libros de poesía. Lois Pereiro publicou moi pouco. E non porque a súa vida fose curta, que o foi. O seu primeiro libro fíxose esperar. E era xa un poeta respectado, valorado polo seu dicir en recitais e revistas varias. Non precisaba sacar mil libros, estar en mil foros, subirse a moitas palestras. Coma Carlos Oroza, poño por caso. Coma algúns. Eses que saben que a palabra é un obxecto delicado, que merece ser collido coa epiderme moi traballada de tanto darlles voltas.

Se alguén traballa así, coma orfebre da semántica, non pode, non debe, non ten por que, publicar moitos libros.

Oxalá moitos e moitas entendesen esta verdade. Esta esencial verdade radical.

Os comentarios están pechados.