HABERÁ QUE PENSAR MÁIS NO SEXO E ESCRIBIR MENOS

Posted by franciscocastro - 19/04/11 at 02:04 p.m.

Volvendo ao de onte, resulta que un mete anos da súa vida en escribir unha novela que a fin do proceso sáelle ben nutrida de palabras. E podedes crerme que nas primeiras versións (sempre escribo as novelas tres veces, e polo xeral van adelgazando de cada vez), tiña moitas máis páxinas aínda. Dicía que iso, que un mete un par de anos da súa vida en escribir unha novela para logo ler por aí que un libro titulado En que pensa todo home a parte do sexo, e que vén sendo 200 páxinas en branco (xa se sabe, seica, os homes só pensamos no sexo), e que, xa que logo, é un libro sen palabras, nin unha soa, en dúas semanas xa se converteu nun dos máis vendidos na tenda de Amazon. Para acabar de rirnos un cacho, leo que xa ten ofertas (palabrita del Niño Jesús que non estou inventando nada) para ser traducido a 16 linguas. Na edición en castelán, vanlle engadir cen páxinas máis porque, seica, é o equivalente ao tempo en branco que cada españolito mete vendo a tele.

Conclusión: a partir de agora vou empezar a pensar máis no sexo e menos na literatura porque seica, igual, tantas palabras, non van servirme para nada.

Os comentarios están pechados.