UNHA NOVELA MOI PESADA

Posted by franciscocastro - 18/04/11 at 03:04 p.m.

Onte, paseando polo mercadiño que montan na Laxe, en Vigo, o domingo pola mañá, de antigüidades e outras cousas curiosas (madia leva: boteille un ollo a tres vinilos dos Beatles, pero non podía pararme xusto nese instante e cando volvín xa os levaran…) vin un anuncio de LIBROS AL PESO. Concretamente vendían a 6 euros o quilo de libros. Dá igual cales collas, a súa temática ou idioma, que sexan obras de arte ou folletíns insoportables. Coma as toallas en Valença. Coma as cereixas no Eroski. Páxinas ao peso. Se tes seis euros tes dereito a un quilo de lectura.

A cousa fíxome pensar na pesadez dalgunhas novelas. E na levidade doutras.

E asusteime: porque a miña nova novela está a piques de saír. E van ser case que catrocentas páxinas. Xa que logo, unha novela pesadísima. Cando menos, de medio quilo.

Os comentarios están pechados.