SEDUCIDO POLA BELEZA
Posted by franciscocastro - 14/04/11 at 03:04 p.m.Estes días fálase en todas partes dunha das historias de superación humana máis lindas de todas cantas temos protagonizadas como especie, como foi o comezo da aventura espacial, aló polo 1961, é dicir, hai medio século, coa posta en órbita de Yuri Gagarin, nunha cápsula da antiga Unión Soviética.
Mais o que quero traer hoxe aquí é o que máis me chamou a atención da gravación que se conserva da súa viaxe, dunhas horas nada máis, arredor do noso planeta.
Foi o primeiro en ver a Terra dende arriba. Completa, esférica e azul. Foi o primeiro en acceder a semellante visión, vedada, por desgraza, para tantos de nós.
A URSS e os EUA andaban competindo entre eles a ver quen chegaba antes á fazaña e, por obvias razóns, os soviéticos tiñan motivos máis que sobrados para sacar peito.
Mais o que Yuri dixo dende alí enriba, vendo a Terra dende arriba, esférica e azul, non foi ‘fodédevos, ianquis, gañamos!’, ou ‘Viva a URSS’.
Non. O que dixo, e se escoitades con atención a gravación veredes que a voz do militar crébase, foi:
– Que fermosa é!
El tamén, coma tantos, seducido pola Beleza.
En plena Guerra Fría, en plena Carreira Espacial, gañou a poesía.
Por iso, ás veces, incluso teño fe no ser humano.