NIN FUMAR, NIN BEBER, NIN FOLL..

Posted by franciscocastro - 11/04/11 at 02:04 p.m.

Xa me teño posto en pé para maldicir en varias linguas contra do estúpido boísmo, tanto na Literatura Infantil e Xuvenil como en xeral nas distintas manifestacións da arte. Persoalmente, penso, e disimulen a falta de retórica, que co paso das décadas volvémonos medio parvos ou parvos completos (e parvas), pois hai anos viamos na tele e liamos nos libros cousas que, a día de hoxe, semellan anatemas, pecados gravísimos. Deste xeito, vemos como nos libros pensados para os máis pequechos e pequechas hai quen espera que todos se comporten como anxiños do ceo, militen en ONGs e, por suposto, que sexan totalmente asexuados.

A cousa non deixa de ser curiosa porque os que aos poucos imos asumindo, por cuestións de idade, postos de responsabilidade, somos unha xeración criada na máis absoluta das liberdades (morto Franco valía todo) e, agora que temos crianzas, semella como que procuramos para eles que vivan na ficción dun mundo-Disney irreal e fantasioso no peor senso da expresión.

Por iso non podo deixar de rir (por non chorar) diante da queixa dunha Asociación de Telespectadores (a xente asóciase para cada cousa…) que vén de enviar unha queixa formal a TVE porque na serie Amar en tiempos revueltos “se fuma demasiado”. Debo entender que o feito de que a serie estea ambientada nuns anos nos que o tabaco, entre os homes, era case que obrigatorio, non é para eles, en cuestión de argumento ou trama dramática,  un asunto relevante. Eles consideran que se fuma de máis e preferirían se fumase menos ou que non se fumase nada.

O que digo eu: volvémonos imbéciles. Eu vin o outro día co meu fillo unha de Tom Cruise na que estaban matándose uns a outros. Morreu xente a esgalla. E miren, era unha peli (malísima) de acción, desas de tiros que o bo nunca falla e os malos fallan sempre, unha desas de moitos tiros e explosións incribles. O que se chama unha película de acción, vamos, aquí e na China Popular. A rapaza protagonista, por certo, destilaba sexo por todas partes, xa ven. Igual había que prohibilas. E que dicir de Bambi, cando matan a nai. A de nenos e de nenas que terán quedado traumatizados para sempre.

Iso: hai que facer películas onde a xente non diga tacos, non fume, non se drogue, non beba, non copule (por dicilo en fino), non mate, non minta, non blasfeme, se respecte, sexa democrática, non prevarique e se leve ben. É dicir, hai que facer pelis protagonizadas por seres doutro planeta.

O problema non é que nos volvamos parvos con todas estas cousas. É que xa o somos.

Os comentarios están pechados.