POR UN MANIFESTO POLA LIBERDADE NA REDE

Posted by franciscocastro - 10/04/11 at 10:04 p.m.

Hai tempo dixen que Internet é o mellor invento dende a imprenta. Igual de revolucionario cando menos. A Igrexa atacou o invento de Gutenberg por diabólico. Rouco Varela di que a Rede non lle gusta. Imaxino que polo mesmo (pareceralle menos perigosa a COPE, ou ESRADIO). E, sen dúbida, as chamadas Forzas da Orde (¿de que orde, habería que preguntar?) anotan día e noite o que dicimos, o que apoiamos, o que asinamos, o que amplificamos, por onde nos movemos, onde paramos máis tempo, que lemos e como o lemos.

Todo isto vén a conta do moito que me fixo pensar esta entrevista no Xornal de Galicia de hoxe con Víctor Sampedro, catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política na Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, onde ademais de deixar claro algo que estamos repetindo dende este blog dende hai anos, que o xornalismo vai á deriva, que o periodismo xa non é salvación ningunha, nin apoio para causa ningunha, nin reserva da liberdade de ningunha clase, insiste  nunha idea, terrible, que sospeitamos, por considerala inevitable, como é que é cuestión de tempo que o Poder, así, con maiúsculas para que se note que van en serio, atope o xeito de controlar a rede e, sobre todo, aos que nos movemos libres, anárquicos, libertarios, como nos pete, por ela, é dicir, todos e todas, ti e eu, que metemos horas e días e semanas gozosos en acrecentar coñecemento, en transmitir sensacións, en manifestar dende o noso orgullo de seres pensantes o que pensamos.

Por iso, ademais de asinar manifestos (que debemos asinar e xa asinamos) e ademais de apoiar vía facebook todo o apoiable (que debemos apoiar e que apoiamos) deberiamos comezar a asimilar que os internautas temos por diante unha loita terrible, durísima e, sobre todo, inevitable, para garantir esta festa de liberdade da que agora gozamos e que, de feito, aínda anda a nacer e cuxas posibilidades, só intuídas, sabemos que poden ser aínda máis fantásticas e estimulantes. Porque se eu agora quero criticar a eses que non me van deixar criticar na prensa tradicional, pois fágoo. E se agora quero montar unha campaña en defensa da miña lingua, dos libros, das baleas ou dos calvos, por dicir unha parvada, fágoo. E se quero darlle protagonismo a todo iso que os medios de comunicación de sempre silencian, fágoo.

E nada escapa á nosa creatividade, intencións, desexos, espontánea vontade e liberdade de porque si.

Daquela, cómpre irnos preparando para esta Guerra. Alguén debería ir pensando un Manifesto. Porque a Guerra xa está aí.

Palabra de pacifista que non pensa morrer sen loitar.

Os comentarios están pechados.