Archive for Abril, 2011

APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 4

28th Abril 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Lois Pereiro é o poeta da carne. O que significa que é o poeta da vida. Pois somos carne e só carne e tampouco queremos, algúns, ser máis que carne. Que pode sentir. Que pode transcenderse. Que pode poetizar e pescudar os vierios que nos achegan á beleza.

A carnalidade dos versos de Pereiro vémolos no exercicio, pudoroso (contra do que se adoita escribir) ao respecto da propia doenza, na imaxe na que se constrúe o seu futuro máis que sabido. A pesar da dor (ou quizais pola súa presenza), a pesar da morte que o chama dende tan novo, hai na súa poética unha celebración da vida (o famoso texto a xeito de epitafio, por exemplo). Porque a vida, como xa dixemos, e Nietzsche explicou moito antes, é goce e é dor, e vida e é morte. E todo iso patentízase, maniféstase, en escandalosa e festiva realidade, na evidencia da carne e das súas metamorfoses, nos latexos que soporta, de febres namoradas ou de violencias que o desangran.

Por iso cada palabra de Lois Pereiro é recendo de vida grande. Eu léoo sempre en clave festiva, reivindicadora da existencia. Consciente da grandeza de Ser. Todo iso que nos chega, a pesar do traballo lacerante da tradición xudeocristiana, pola carne.

Chuzame! A Facebook A Twitter

APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 3

24th Abril 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Lemos en practicamente todos os libros e estudos que se publican este ano sobre Lois Pereiro que a súa poesía non era para nada coincidente coa que se estaba a facer na súa época. Eu penso que  moi probablemente, porque el non era profesor de galego e, xa que logo, que dalgunha maneira ía por libre. De feito, el laiábase e sinalaba como unha eiva do noso sistema literario o feito de que houbese tanto profe de galego que ademais era escritor. Que a literatura galega era moi profesoral. Por fortuna, esta situación está a superarse.

Quizais o que vou escribir agora non é moi politicamente correcto mais, en calquera caso, velaí vai. A fin de contas, estes son apuntamentos a partir de Pereiro. Os meus apuntamentos.

Nos anos nos que Lois Pereiro constrúe a súa obra (as décadas dos 80 e 90) faise unha poesía que ten sido cualificada de moitas formas. Dende » a idade de ouro da lírica galega», á insistencia, como se iso fose un mérito, de que se poetizaba dende unha consciente actitude culturalista que, moi probablemente (é a miña opinión de lector e, xa que logo, perfectamente discutible) levou a un hermetismo hermenéutico ou, para dicilo máis simple, levou a unha dificultade de comprensión, para min terrorífica, por parte de case que todo o mundo. Así foron, ou fomos, moitos, os que tiñamos a sensación de estar diante do excelso aínda que con dificultades á hora de explicar (ou de atopar) esa excelencia. Nalgún punto comezamos a ter a sensación de que as claves que manexaban aqueles poetas só as entendían eles ou, a iso vou, os profes (moitos deles poetas tamén) que pertencían a aquelas correntes líricas.

A poesía de Lois Pereiro fuxiu sempre, a pesar do seu esforzo consciente por matizar e axustar o concepto, de toda forma de conceptualismo. Os seus versos provocan, case que sempre, un furado emocional, un lategazo no medio do esterno, alí onde vive o músculo que eu quero que me exciten coa poesía. É unha poesía para todos. Para o futuro tanto como para o seu presente. A pesar de estar cheíña de metaliteratura, de moita música, de referencias cinéfilas certamente exclusivas e para nada populares, hai nos seus versos a calidade e, sobre todo, a claridade suficiente, para ser referencia para quen se achegue aos seus poemas. Claridade no senso no que Heidegger o expresou: o claro no medio do bosque. O brillo supremo do lóstrego, que dura un segundo. Pero que permite ver, como dixera Mark Twain.

E así se entende que moito antes de eu o descobrir, amigos e amigas, lectores voraces de poesía, falábanme del. Era un acontecemento. Liches a Pereiro?, coñeces estes poemas? Non eran xentes diso que poderiamos chamar circuito da cultura galega, ou xente da cultura galega. Eran lectoras e lectoras aos que os versos lles chegaran, no fundamental, recomendados por outros e outras. Non, dende logo, dende a academia ou a crítica ou a Voz Autorizada.

Pereiro chegáballes porque a palabra era clara, no senso en que ten que ser a palabra cando se expresa literariamente.

Para entendelo só hai que ter ollos para saber ler. Non é preciso ir canda el cun Manual de Epistemoloxía Crítica enriba.

Chuzame! A Facebook A Twitter

HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 14 (Un bo augurio)

23rd Abril 2011 by franciscocastro 12 Comentarios

Mañá seguirei cos Apuntamentos sobre Lois Pereiro. Porque hoxe non me queda máis remedio que contarlles o que acaba de pasarme hai nada. Puro realismo máxico deste que lles explico aquí de cando en vez arredor da miña vida disparatada. Historias, sempre, reais como a vida mesma. E como a literatura tamén.

Ata que marchei estudar a Santiago fun  moi deportista. Xoguei, e a un alto nivel (campionatos de España incluídos), a balonmán. Pero despois deixei xa non ese deporte, senón toda clase de exercicio. Como sempre digo: cando teño ganas de facer deporte, sento ata que se me pasa.

Mais dende hai uns días sufro unha especie de ataque de vigorexia. Imaxino que ten que ver cos 44 anos que xa teño. E que xa empezo a intuir que igual teño menos vida por diante que por detrás.

E que quero vivir moito.

Así que hoxe, xusto antes de cear, parapeteime coa roupa axeitada e dicidín que, cada noite, sairei correr. Ao comezo será un pequeno trote (hoxe foi así) para, aos poucos, ir subindo o ritmo. Coñézome. Son un tipo tenaz. Rematarei correndo algunha media maratón nuns aniños.

Se non infarto antes, claro.

Antes de saír collín o meu eReader, que para iso son un moderno, no que ademais de libros electrónicos teño verquidas centos de cancións que me fan compaña cada mañá, cando enceto a primeirísima hora o camiño cara o traballo. Puxen os auriculares, disposto a me comer o mundo. O deportista resucitado estaba a piques de saír ao estadio. Premín na opción de «aleatorio», pois así teño garantía de que non vou escoitar o mesmo sempre. Que a máquina decida que é o que me quere poñer.

E palabra que o que comezou soar foi isto

Esmendrelleime de risa, claro. Que outra canción podía ser!
E alá fun, polo Areal para adiante, trotando cun sorriso que alumeaba todo, felicísimo, con estes atléticos acordes enchéndome por completo, dende os tímpanos á miña autoestima.

Este si que é un bo augurio!

Chuzame! A Facebook A Twitter

APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 2

22nd Abril 2011 by franciscocastro 3 Comentarios

Nas distintas lecturas que no que vai de ano estamos vendo arredor da obra de Lois Pereiro, acho unha moi frecuente actitude reducionista, simplificadora, incluso superficial, que se expresaría, moi resumidamente, en convertir a súa poética, por mor da súa circunstancia vital, nun exercicio de decadentismo, ou derrotismo, ou nihilismo ou miserabilismo, ou calquera outro ismo que emparenta ao de Monforte, así, sen máis, automaticamente cun Bukowski ou o punk máis espontáneo e ilóxico (que están na súa obra, claro, pero non só). Así, o seu traballo poético sería unha versión, en galego, desa postmodernidade da fin da historia que o anega todo, en determinados ámbitos creativos, dende mediados dos oitenta do século pasado. Uns versos que saíron así porque non había -para el- futuro posible, porque a decadencia era sempre presente, e porque a derrota era unha evidencia.

Eu, nos versos de Pereiro sempre atopei todo o contrario, a saber, vida, pulsión a esgalla, o conatus spinozista desborbado e posto de manifesto cunha claridade abraiante. Tal debe ser a función, entendo, do dicir poético (senón, a conta de que, para que, con que motivo escribir poesía): amosar a existencia tal e como é dende os ollos persoais inimitables irreproducibles concretísimos de quen escribe e fai eses versos, de amor, de enfermidade ou do que sexa. E Pereiro, cando menos na miña lectura, é xustamente todo o contrario de todos os ismos no parágrafo anterior expresados. Para min Pereiro é un profundo vitalista que ama a vida non porque se lle va, senón porque está borracho da enerxía da vida, anegado ata o derradeiro capilar do sentir último pola vida, consciente do irrepetible, do inabarcable, pola súa marabilla, da vida. Así que levo mal esa caricatura, extendidísima, incluso entre xentes de letras de nós, que converten a súa obra nunha manifestación de, digamos, unha especie de derrota asumida que, impúdica, se manifesta sen máis esperanza que poñerse fóra e dicirse. Insisto en que eu vexo todo o contrario: vexo aceptación (non no senso de resignación) do que a vida é. Tal e como Nietzsche nola amosou: chea de felicidade pero tamén de dor, chea de danzas pero tamén de dó. A vida é todo iso e é patrimonio (e obriga) do poeta ser quen de atopar a excelsa expresión que a magnifique, que a exprese como é (para Nietzsche quizais só a música pode facer isto). Alejandra Pizarnik escribe un 18 de outubro, xoves, de 1962, nos seus Diarios: ¿Cómo animar el dolor, cómo transmitirlo de manera viva? En parte o traballo de Pereiro vai ser ese: expresar a dor , a morte, a enfermidade, pero como unha realidade que en si mesma xa é transcendente; non é que se necesiten as palabras para que sexa algo transcendente. É que está na esencia mesma da dor, do no future, do colpaso, a maneira, unha delas, nas que a existencia, a pulsión biolóxica, o pensamento dos átomos, se nos manifesta. É a vida. Inmensa e inacabable como un futuro que non chega nin a ser intuído.

Reducir a obra de Lois Pereiro a unha metafísica de suburbio é quedar no lado simple da hermenéutica. É ler de calquera xeito. É ler cómodo. É ler profesoral.

Chuzame! A Facebook A Twitter

APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 1

21st Abril 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Lois Pereiro representa a evidencia de que non é necesaria unha grande obra (léase no senso de moitas páxinas escritas) para que unha poética supere o paso do tempo, único xuíz válido neste oficio da literatura, onde tantos confunden ruído e balbordo con profundidade, saír nos papeis con importancia, ou vender libros con calidade. Pois o certo é que moito antes desta homenaxe polo Día das Letras os seus versos xa provocaran estremecementos en todos aqueles e aquelas que se abeiraran as súas sílabas con vocación estética, allea a prexuízos, tópicos e lugares comúns, aspectos todos que rodean, este ano máis ca  nunca, o inconmensurable da súa obra, dalgunha maneira, vulgarizándoa. Dende un ollo limpo límolo hai moito tempo, antes dos libros e dos suplementos e das conferencias e dos expertos. E xa estremecía. E sabemos que pasará o Día e algúns dos seus poemas seguirán calando na médula dos ósos cunha virulencia eléctrica e necesaria.

Sinto ás veces que hai moita obsesión, máis que con escribir, con publicar, con gañar premios, con figurar en táboas de máis vendidos como se iso significase en verdade algo dende o punto de vista literario. Representa, si, a outros niveis. Pero non dende o punto de vista literario. Ás veces quizais. Polo xeral, non. Xa saben: os recoñecementos, tan alleos á arte. Que nada teñen que ver coa arte. O tópico di que o poeta prefire un só verso inesquencible que mil libros de poesía. Lois Pereiro publicou moi pouco. E non porque a súa vida fose curta, que o foi. O seu primeiro libro fíxose esperar. E era xa un poeta respectado, valorado polo seu dicir en recitais e revistas varias. Non precisaba sacar mil libros, estar en mil foros, subirse a moitas palestras. Coma Carlos Oroza, poño por caso. Coma algúns. Eses que saben que a palabra é un obxecto delicado, que merece ser collido coa epiderme moi traballada de tanto darlles voltas.

Se alguén traballa así, coma orfebre da semántica, non pode, non debe, non ten por que, publicar moitos libros.

Oxalá moitos e moitas entendesen esta verdade. Esta esencial verdade radical.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Censura, Nunca Máis!

20th Abril 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Así titulei o meu artigo, cabreado, de hoxe en A Nosa Terra.

Podédelo ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

HABERÁ QUE PENSAR MÁIS NO SEXO E ESCRIBIR MENOS

19th Abril 2011 by franciscocastro 10 Comentarios

Volvendo ao de onte, resulta que un mete anos da súa vida en escribir unha novela que a fin do proceso sáelle ben nutrida de palabras. E podedes crerme que nas primeiras versións (sempre escribo as novelas tres veces, e polo xeral van adelgazando de cada vez), tiña moitas máis páxinas aínda. Dicía que iso, que un mete un par de anos da súa vida en escribir unha novela para logo ler por aí que un libro titulado En que pensa todo home a parte do sexo, e que vén sendo 200 páxinas en branco (xa se sabe, seica, os homes só pensamos no sexo), e que, xa que logo, é un libro sen palabras, nin unha soa, en dúas semanas xa se converteu nun dos máis vendidos na tenda de Amazon. Para acabar de rirnos un cacho, leo que xa ten ofertas (palabrita del Niño Jesús que non estou inventando nada) para ser traducido a 16 linguas. Na edición en castelán, vanlle engadir cen páxinas máis porque, seica, é o equivalente ao tempo en branco que cada españolito mete vendo a tele.

Conclusión: a partir de agora vou empezar a pensar máis no sexo e menos na literatura porque seica, igual, tantas palabras, non van servirme para nada.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UNHA NOVELA MOI PESADA

18th Abril 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Onte, paseando polo mercadiño que montan na Laxe, en Vigo, o domingo pola mañá, de antigüidades e outras cousas curiosas (madia leva: boteille un ollo a tres vinilos dos Beatles, pero non podía pararme xusto nese instante e cando volvín xa os levaran…) vin un anuncio de LIBROS AL PESO. Concretamente vendían a 6 euros o quilo de libros. Dá igual cales collas, a súa temática ou idioma, que sexan obras de arte ou folletíns insoportables. Coma as toallas en Valença. Coma as cereixas no Eroski. Páxinas ao peso. Se tes seis euros tes dereito a un quilo de lectura.

A cousa fíxome pensar na pesadez dalgunhas novelas. E na levidade doutras.

E asusteime: porque a miña nova novela está a piques de saír. E van ser case que catrocentas páxinas. Xa que logo, unha novela pesadísima. Cando menos, de medio quilo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: ‘Memorial do infortunio’

16th Abril 2011 by franciscocastro Comentarios desactivados

Hoxe déixovos na miña voz o inicio do Capítulo 3 da miña novela de 2003, Memorial do infortunio. Trátase do intre no que Toribio de Celanova, a piques xa da morte, comeza a confesión diante do notario Carlos de Balboa, para que tome nota de todo o que viviu, absolutamente extraordinario, cando entrou, con outros, a prender ao Inca Atahualpa.

A novela é un alegato contra a colonización e o mal chamado descobrimento.

Déixovolo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

SEDUCIDO POLA BELEZA

14th Abril 2011 by franciscocastro 11 Comentarios

Estes días fálase en todas partes dunha das historias de superación humana máis lindas de todas cantas temos protagonizadas como especie, como foi o comezo da aventura espacial, aló polo 1961, é dicir, hai medio século, coa posta en órbita de Yuri Gagarin, nunha cápsula da antiga Unión Soviética.

Mais o que quero traer hoxe aquí é o que máis me chamou a atención da gravación que se conserva da súa viaxe, dunhas horas nada máis, arredor do noso planeta.

Foi o primeiro en ver a Terra dende arriba. Completa, esférica e azul. Foi o primeiro en acceder a semellante visión, vedada, por desgraza, para tantos de nós.

A URSS e os EUA andaban competindo entre eles a ver quen chegaba antes á fazaña e, por obvias razóns, os soviéticos tiñan motivos máis que sobrados para sacar peito.

Mais o que Yuri dixo dende alí enriba, vendo a Terra dende arriba, esférica e azul, non foi ‘fodédevos, ianquis, gañamos!’, ou ‘Viva a URSS’.

Non. O que dixo, e se escoitades con atención a gravación veredes que a voz do militar crébase, foi:

- Que fermosa é!

El tamén, coma tantos, seducido pola Beleza.

En plena Guerra Fría, en plena Carreira Espacial, gañou a poesía.

Por iso, ás veces, incluso teño fe no ser  humano.

Chuzame! A Facebook A Twitter