Literatura, sempre pomada

Posted by franciscocastro - 22/03/11 at 04:03 p.m.

Sempre gustei moito de Luz Casal. O primeiro gran concerto de rock que gocei con, digamos, conciencia de brutalidade eléctrica, foi un seu en Castrelos a primerísimos dos oitenta. Despois, fun seguindo a súa madurez calma, os seus aires liviáns de gran señora, de voz cautiva. De luz, claro.

Gustei moito desta entrevisa na que, entre outras cousas, di: Sin la música sería una desequilibrada. Mis conflictos los he ido solucionando con la música.

Muden música por literatura e eu asino esa frase.

Porque grazas á literatura non son un desequilibrado (ou, se queren, grazas á literatura o meu desequilibrio non é peor); grazas aos versos, ás sílabas sorprendentes, ás palabras ás veces pomada ás veces veleno, soporto o mundo, saio a rúa. Vivo.

Xa dei grazas moitas veces. Porque son un afortunado, sempre llo digo aos escolares cando os visito, por vivir no reino da fantasía, por poder dicir o que me preocupa, o que me quita o sono, o que enche o meu corazón de incerteza, nas historias que escribo, no que din os meus personaxes. Aí, na literatura podo ser eu ou un eu sen as barreiras que, no día a día, nos impón a moral. Por iso nas miñas novelas ese autor omnipresente, eu mesmo, que se expresa, que ten necesidade de ser e de estar e de dicir e de contar e de rir e de chorar con quen me le.

Bendito equilibrio. Pidoo para min. E que nunca me falte.

Os comentarios están pechados.