O PORCO SEGUE DE PÉ

Posted by franciscocastro - 18/03/11 at 04:03 p.m.

Como Vicente Risco anda de aniversarios polas prensas, pois hai  medio século que morreu, déuseme por coller de novo a súa obra máis importante, O porco de pé, que no seu día, e para ben, obrigáronme a ler no instituto.

Daquela non fixen a lectura que vou facer agora. Pero é o que ten facerse vello, que un é capaz de entender algunhas críticas que había nese libro e que, por aqueles adolescentes tempos, eran máis difíciles de ver.

Refírome, sobre todo, á caracterización que fai do alcalde como un tipo non só inculto, senón que despreza a cultura. O alcalde que di, sobre os libros, que o papel é para envolver ou limpar o cu.

O libro e esa mensaxe están de plena actualidade.

Porque o porco segue estando de pé.

Porque o que se cae dos orzamentos é a cultura.

Porque para moitos alcaldes, presidentes de deputación e outros cargos polo estilo, a cultura é só un floreiro co que se adornar eles mesmos ou, no peor dos casos, algo digno de todo desprezo. A cultura e os que a practican.

Porque para ser alcalde non hai que ser lector, nin amar a beleza, nin ter sensibilidade artística.

Porque podes ser un porco e estar sempre de pé. E triunfando.

Medio século despois a imaxe porcina ten máis sentido ca nunca.

Os comentarios están pechados.