26th Marzo 2011 by franciscocastro Comentarios desactivados
Hai anos, cando en La Voz de Galicia, nesa gran iniciativa que é os Relatos de Verán, convidaban a escritores e escritoras, cada día un, publiquei este que me pediron, ilustrado por Xaquín Marín.
Un relato de amor desesperado, cheo de retranca, pastillas e irrealidade.
Nos últimos tempos seica todo o mundo ten algo que lle criticar a Internet. Rouco Varela, ese intelectual, por exemplo, hai uns días cando foi reelixido, que aproveitou para dicir que non lle gustaba a Rede. Pero en fin, a este coido que non lle gusta practicamente nada. E logo, xa en plan máis serio, Nicholas Carr, un filólogo dos EUA que está a arrasar co seu libro Superficiales. ¿Qué está haciendo Internet con nuestra mente?
No básico, a súa tese é que o noso cerebro está a mudar por mor de Internet. E que a cada día que pasa somos máis parvos por culpa súa, pois nos distrae e impide a nosa concentración (fai que medre o pensamento instantáneo e fugaz, efémero). Puidendo darlle a razón a nalgúns asuntos (está claro que a Rede é o Reino do Supérfluo, a Apoteose do Inmediato, en especial as Redes Sociais), hai algo que non lle paso: e é cando sinala que Internet nos volveu menos críticos.
Pois será cuestión de que teñamos claro que entendemos por crítico.
Porque, por exemplo, pensando en nós, na cultura galega, na nosa lingua, Internet é, xa o dixen milleiros de veces, unha completa beizón.
Porque o galego está moi presente, activo, vivo, protagonista. Nos medios en papel, por exemplo, non. Aí nos machacan por sistema e a nosa voz practicamente non se escoita. Pero si en Internet. E así a nosa cultura consegue, grazas á rede, niveis de espallamento impensables por outros camiños. E, sobre todo, porque esas voces críticas, distintas, disonantes, diferentes, nunca serían escoitadas de non ser por Internet.
Eu teño clarísimo: Internet non nos volveu máis parvos. Todo o contrario: grazas a ela somos moitísimo máis críticos ca nunca e grazas a ela podemos exercer a nosa crítica con máis forza ca nunca.
Que non nos falte. Incluso, pola nosa propia supervivencia como colectivo.
Sempre gustei moito de Luz Casal. O primeiro gran concerto de rock que gocei con, digamos, conciencia de brutalidade eléctrica, foi un seu en Castrelos a primerísimos dos oitenta. Despois, fun seguindo a súa madurez calma, os seus aires liviáns de gran señora, de voz cautiva. De luz, claro.
Gustei moito desta entrevisa na que, entre outras cousas, di: Sin la música sería una desequilibrada. Mis conflictos los he ido solucionando con la música.
Muden música por literatura e eu asino esa frase.
Porque grazas á literatura non son un desequilibrado (ou, se queren, grazas á literatura o meu desequilibrio non é peor); grazas aos versos, ás sílabas sorprendentes, ás palabras ás veces pomada ás veces veleno, soporto o mundo, saio a rúa. Vivo.
Xa dei grazas moitas veces. Porque son un afortunado, sempre llo digo aos escolares cando os visito, por vivir no reino da fantasía, por poder dicir o que me preocupa, o que me quita o sono, o que enche o meu corazón de incerteza, nas historias que escribo, no que din os meus personaxes. Aí, na literatura podo ser eu ou un eu sen as barreiras que, no día a día, nos impón a moral. Por iso nas miñas novelas ese autor omnipresente, eu mesmo, que se expresa, que ten necesidade de ser e de estar e de dicir e de contar e de rir e de chorar con quen me le.
Bendito equilibrio. Pidoo para min. E que nunca me falte.
Se tivese que salvar un cineasta, só un director, só un e ningún máis ca un, optaría sen ningunha clase de dúbidas por Chaplin. Por todo o seu traballo. Dende as historias de Charlot a esa marabilla poética que é Candilexas. Ao meu modesto entender, coido que non houbo outro máis grande na historia do cine. Aínda. Ninguén coa súa capacidade para facer unha poética das imaxes ao tempo que denuncia social; ninguén coma el para sacudirnos dende a tenrura e o humor para facernos pensar en nós mesmos, o que somos, o que poderiamos ser. O que non debemos ser.
Traio hoxe aquí o seu nome e traballo, porque neste 2011 cúmprense 75 anos da súa xenial Tempos Modernos, unha fita que, como O Gran Dictador, resultou a moitos niveis profética. Se cadra, Tempos Modernos moito máis porque o senso derradeiro do que pretende criticar sigue aínda hoxe en día máis presente ca nunca.
Dicía Calvino, falando de literatura, que un libro era un clásico porque tiña unha mensaxe preciso para o seu tempo e outro diferente para cada época. Por iso, traspoñendo o exemplo ao cinema, esta película de Chaplin é un clásico. Porque ten unha mensaxe válida para esta época que sobrevive enchida de seres humanos sometidos á tiranía da produción (e non só os humanos, tamén a cultura e os produtos culturais, que deberían ser de todo agás produtos), porque nunca como agora (aí está a crise que todo o xustifica) as persoas estiveron máis a mercede da Grande Máquina Capitalista.
É curioso que tiveran a Chaplin por comunista nos EUA. O seu discurso, o de toda a súa obra, era sobre todo unha argumentación humanista, a prol do ser humano (analizade unha e outra vez o discurso final de O Gran Dictador que aquí vos deixo). Mais seica defender ao ser humano, poñelo por enriba da produción, defender a súa felicidade por encima dos beneficios das grandes transnacionais, é un exercicio de comunismo…
Mañá comeza a Primavera. E é o Día da Poesía.
Dous motivos máis que válidos para vermos de novo estes Tempos Modernos pois, os de hoxe (e os que virán) no senso explicado por Chaplin, son modernos de máis. E quizais por iso inaturables. A non ser que, como tamén conta a película, e Lennon na súa canción, entendamos que a salvación só pode vir polo amor.
Como Vicente Risco anda de aniversarios polas prensas, pois hai medio século que morreu, déuseme por coller de novo a súa obra máis importante, O porco de pé, que no seu día, e para ben, obrigáronme a ler no instituto.
Daquela non fixen a lectura que vou facer agora. Pero é o que ten facerse vello, que un é capaz de entender algunhas críticas que había nese libro e que, por aqueles adolescentes tempos, eran máis difíciles de ver.
Refírome, sobre todo, á caracterización que fai do alcalde como un tipo non só inculto, senón que despreza a cultura. O alcalde que di, sobre os libros, que o papel é para envolver ou limpar o cu.
O libro e esa mensaxe están de plena actualidade.
Porque o porco segue estando de pé.
Porque o que se cae dos orzamentos é a cultura.
Porque para moitos alcaldes, presidentes de deputación e outros cargos polo estilo, a cultura é só un floreiro co que se adornar eles mesmos ou, no peor dos casos, algo digno de todo desprezo. A cultura e os que a practican.
Porque para ser alcalde non hai que ser lector, nin amar a beleza, nin ter sensibilidade artística.
Porque podes ser un porco e estar sempre de pé. E triunfando.
Medio século despois a imaxe porcina ten máis sentido ca nunca.
O pasado luns pasei o día no coche e, coma sempre, coa radio acesa, zapeando polo dial na procura dalgún asunto interesante mentres conduzo.
Parei nunha emisora na que unha muller ía dar conta dos Premios da Edición. Xa imaxinades: deformación profesional e, aínda que xa coñecía os galardóns, pois se deran dous días antes, quería saber como o contaban.
Case que derrapo do susto ao escoitar que, segundo a locutora, o Premio ao Autor do Ano era para José Neira Vilas. Non para Xosé, senón para José.
Poñendo en xogo a vida, mirei o dial. Tratábase de ES RADIO, a emisora de Jiménez Losantos, ese intelectual. Quixen pensar, malia todo, que fora un despiste da locutora. Pero a cousa seguiu, coa información dos Premios de Xornalismo de Novacaixagalicia. Segundo ela, o gañador era José Carlos Caneiro. Non Xosé.
Seguín alí, nese punto do dial, totalmente noqueado. De seguido identificáronse, como é normal na radio, lembrándonos que estabamos a escoitar «Es Radio Galicia», é dicir, que emitían para nós.
Sen dúbida, a cousa non é casual, nin é froito da parvura da locutora. Sen dúbida é unha consigna: todo o que recenda a galego, todo o que teña que ver co galego, todo o que recorde lembre insinúe roce o galego, debe ser negado, marxinado, minimizado… ridiculizado?
O programa seguiu. Un señor con voz barítona recomendaba unha película protagonizada por John Travolta na tele. Quedei decepcionado, pois esperaba que dixese que o protagonista era Juan Travolta.
Así que a pregunta é obvia: por que nos odian tanto?
Cando era pequeno escoitaba, e xa me daban repelús, historias dos meus primos maiores, do meu pai, dos meus tíos, sobre a grandeza da vida militar. Que se os mellores amigos facíanse na mili. Que se para ser un home había que ir á mili. Que xa verás cando esteas de imaginaria. Que divertidas as novatadas. E non pasa nada se te arrestan, todo curte. E xa verás o que é comer de todo. E ya verás quetipos más sanotes vas a conocer.
Na casa díxoseme unha e dúas e tres veces que a patria era o máis importante. E que o exército estaba para defendela. E que era unha honra grande morrer polo País.
E diante do televisor falóuseme moitas veces, cando botaban desfiles, da fermosura da orde, do paso ao tempo, das liñas rectas, das cousas no seu sitio.
Pertenzo á primeira xeración de Obxectores de Conciencia deste país. Hoxe a prensa informaba de que hai dez anos que a mili obrigatoria desapareceu. E din tamén que a meirande parte dos mozos e mozas do estado español non teñen nin a máis mínima intención de »morrer polo seu país». Mais antes desa supresión da mili obrigatoria houbo un duro camiño de loita e, sobre todo, de resistencia psicolóxica diante das ameazas. Porque unha das cousas que se nos dixo daquela era que non iamos ter dereito ao voto ou, por exemplo, que non poderiamos ocupar unha praza na administración pública.
Eu díxeno sempre, dende moi pequeno: que non iría ao exército. Como en tantas cousas, non se me entendeu. Seica non quería convertirme nun home?, seica quería perderme a camaradería, as guardias pola noite, os si mi sargento e a sus órdenes mi general?
Si, claro que si.
Quería perderme todo iso. Non tiña interese ningún por iso. Lembro ser menos ca un adolescente e, discutindo con alguén da miña familia argumentar que non estaba disposto a acatar ordes de ninguén.
E nesas sigo. De feito, coido que alguén é verdadeiramente adulto cando comeza a desobedecer as ordes.
Así que podo dicir que esquecín o meu ardor guerreiro moi cedo. Para vergonza de moita xente que me coñecía.
A día de hoxe non o recuperei e, como Kant xa sentenciou no XVIII, estou certo de que non habería guerras de non existir os exércitos. Chamádelle demagoxia. Pero penso que sería un camiño posible pola paz. Suprimir os exércitos. Suprimir os gastos militares. Moitos dos conflitos bélicos que hai polo mundo, provocados e mantidos por nós polos nosos intereses, ía ser máis complexo que perduraran.
Hai uns anos publiquei un poema que titulei Hai un mar a petición dos responsables da revista Ave Fénix que escriben os internos do cárcere de Monterroso.
Foi unha linda experiencia que hoxe comparto con todos vós, na miña voz, aquí.
9th Marzo 2011 by franciscocastro Comentarios desactivados
Este venres, ás 20 horas, na Casa Galega da Cultura e convidado por esa grande entre as grandes que é María do Carmo Kruckenberg, estarei recitando uns poemas que hai un par de anos escribín co gallo do nacemento da miña filla pequena e que saíron publicados nuns singulares libros de poesía que edita coordenados por Carmo, Comisións Obreiras e no que teñen participado poetas tan interesantes como Luz Pozo Garza ou Dores Tembrás. Logo de dez anos esa colección de libros chega á súa fin e o venres Carmo quere facer unha especie de despedida. Só recitarán, coma sempre, mulleres. E como noutras excepcións, eu serei o único home afortunado.