NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (12)

Posted by franciscocastro - 27/02/11 at 11:02 p.m.

Cando era neno os meus pais esforzáronse moito, como tanta xente que o pasara mal despois da Guerra Civil, en que apuntara alto, repetíndome que era fundamental ser mellor que os demais. Supoño que non foron orixinais. Pero había que ser o mellor, despuntar, destacar, relacionarse… E así cada sobresaliente era celebrado con olladas de orgullo e comentarios que suliñaban a miña excelencia. Porque si, fun un neniño chapón. Na adolescencia chegou o que tantas veces contei, e os suspensos e a conformación do que máis ou menos son agora. Amañei as cousas en COU e pasei ben as probas de acceso á Universidade. Unha parte importante da familia presionou para que me fixese médico. Tampouco foron orixinais. Era o que todo o mundo quería ser. E ademais o neniño sacaba boas notas, tiña capacidade para estudar… podía ser, si. Foi daquela cando informei que estudaría Filosofía. O cristo foi maiúsculo (agás os meus pais, que aceptaron sen amosar decepción).

Este rapaz non ten ambición, dixo alguén que si que a tiña. Vas estar no paro sempre, dixo outro alguén que gañaba moitos cartos. Tamén son ganas de facer o parvo, dixo alguén que era moi parvo e non o sabía.

En todos estes anos tiven que escoitar moitas veces que non tiña ambición ningunha. Por iso, hoxe, cando pasei pola Oficina de Obxectos Perdidos e a vin alí, á Ambición que nunca tiven, gordísima, barolenta, deitada nunha esquina co meu nome escrito sobre o peito, esperando por min a ver se reaccionaba… sentinme realmente ben.

Si, non teño ambición ningunha.

Precisamente, porque Ambiciono Absolutamente Todo.

Os comentarios están pechados.