NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (10)

Posted by franciscocastro - 13/02/11 at 11:02 p.m.

Mañá collerei un avión que me levará fóra de casa por cousas de traballo. Moitos quilómetros antes que o sol naza. Despois, cando o sol leve xa moitas horas descansando, collereino de volta.

A última vez que voara en avión, hai uns meses, aproveitara para me mergullar na poesía de Berger. Levitei por riba das nubes, sabendo que lía unhas palabras supremas e que o facía, precisamente, por enriba das nubes. Este náufrago é así de parvo, e toma todo isto das metáforas moi en serio. E pareceume unha fortuna gozar de tan alta literatura estando, precisamente, tan alto.

Por iso mañá aproveitarei que estou por riba das nubes, altísimo, por riba de todo, mañá que estarei de feito dúas veces en menos de vinte e catro horas por enriba moi enriba moito máis alto altísimo que nada, para tirar unha morea de cousas pola ventá. Xa sei que non se poden abrir, claro, as fiestras dos avións. Pero iso non é problema para que me libre para sempre dunha serie de cousas que teño ganas de perder de vista, como por exemplo

o sono perdido, que sempre é pouco, menos do que quixera

a ausencia de tempo para ler, este desacougo de ver os libros a amorearse sen que poida atendelos

e

claro

esta melancolía dos domingos sen obrigas

e os versos que coidei algunha vez xeniais e que só se tiro serei quen de atopar con outras palabras.

Ese tipo de cousas.

Os comentarios están pechados.