Archive for Febreiro, 2011

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (12)

27th Febreiro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Cando era neno os meus pais esforzáronse moito, como tanta xente que o pasara mal despois da Guerra Civil, en que apuntara alto, repetíndome que era fundamental ser mellor que os demais. Supoño que non foron orixinais. Pero había que ser o mellor, despuntar, destacar, relacionarse… E así cada sobresaliente era celebrado con olladas de orgullo e comentarios que suliñaban a miña excelencia. Porque si, fun un neniño chapón. Na adolescencia chegou o que tantas veces contei, e os suspensos e a conformación do que máis ou menos son agora. Amañei as cousas en COU e pasei ben as probas de acceso á Universidade. Unha parte importante da familia presionou para que me fixese médico. Tampouco foron orixinais. Era o que todo o mundo quería ser. E ademais o neniño sacaba boas notas, tiña capacidade para estudar… podía ser, si. Foi daquela cando informei que estudaría Filosofía. O cristo foi maiúsculo (agás os meus pais, que aceptaron sen amosar decepción).

Este rapaz non ten ambición, dixo alguén que si que a tiña. Vas estar no paro sempre, dixo outro alguén que gañaba moitos cartos. Tamén son ganas de facer o parvo, dixo alguén que era moi parvo e non o sabía.

En todos estes anos tiven que escoitar moitas veces que non tiña ambición ningunha. Por iso, hoxe, cando pasei pola Oficina de Obxectos Perdidos e a vin alí, á Ambición que nunca tiven, gordísima, barolenta, deitada nunha esquina co meu nome escrito sobre o peito, esperando por min a ver se reaccionaba… sentinme realmente ben.

Si, non teño ambición ningunha.

Precisamente, porque Ambiciono Absolutamente Todo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Eu fun un best seller da literatura galega

26th Febreiro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Hoxe déixovos na miña voz un artigo que publiquei hai anos en La Voz de Galicia, cando me pediron unha reflexión arredor dos best-sellers, dado que o meu Xeración Perdida levaba moitas semanas como libro máis vendido das súas listas. Fixen unha reflexión realista: ser súpervendas en castelán implica que si que vendes moitos exemplares; para selo en galego, infortunadamente, abonda cuns pouquiños.

O audio, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

RECOÑECEMENTOS DA OEPLI Á LITERATURA GALEGA

25th Febreiro 2011 by franciscocastro 3 Comentarios

Hoxe fixéronse públicos os resultados das distintas convocatorias a diferentes galardóns da OEPLI, algúns deles de importante valor internacional.

Toda a información, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

APROVEITEMOS PARA CARGARNOS A CULTURA

24th Febreiro 2011 by franciscocastro 8 Comentarios


Que hai unha crise económica é algo tan obvio que eu non vou atreverme a cuestionar. Érache boa. Outra cousa é que si cuestione a lóxica absurda e imperante de tanto falar dela todo o tempo e a todas horas, pois o que xa conseguimos foi que todo o mundo teña interiorizada unha especie de constrición inevitable que leva á paralización de toda actividade. Porque este tipo de aceptacións traen sempre consigo actitudes conservadoras, retrógradas e inmobilistas.
Isto está a notarse moi especialmente no mundo da cultura. E non falo, só, da desaparición das subvencións, senón, sobre todo, á minimización dos orzamentos para gasto cultural a todos os niveis (central, autonómico e concellos).
A idea -conservadora, neocón-que se manexa é: estamos en crise, xa que logo, non hai que investir en cultura. Hai que centrarse no realmente importante.
E daquela, aceptamos todo. Que non haxa para bibliotecas, que pechen clubes de lectura, que moitos proxectos lindos dende o punto de vista cultural non poidan nin soñarse (literal: os creadores saben que non van atopar apoios e, daquela, xa nin proxectan… para que).
E aí protesto. Non todo vale. A crise non é escusa. Estou certo de que entre todos e todas somos quen de nos imaxinar un cento (non esaxero) de gastos da administración absolutamente prescindibles ou, se queredes que o diga na mesma linguaxe ca eles, un cento de gastos destinados a cousas que, en realidade, non son importantes.
Porque a cultura, señores e señoras que nos administran, si que é importante, esencial, básica, fundamental. E por moita crise que haxa, precisamente para axudar a saír dela, convén que non perdamos de vista apoiala. E á educación, xa que estamos.
O da crise agora é unha escusa. Que nos fará, aínda, máis e máis parvos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (11)

20th Febreiro 2011 by franciscocastro 3 Comentarios

Hoxe chamáronme da Oficina de Obxectos Perdidos desta illa de náufrago, moi cedo, que fora correndo, que había un paquete gordísimo de libros e que, sendo libros, só podían ser para min. Vestinme a fume de carozo, moi contento. Xa sabedes que eu, coma Borges, penso o paradiso como unha gran biblioteca (pero con iPad, tamén, si). Cheguei case que sen folgos despois de tanto correr.

Abrín o paquete.

- Estes libros non son  meus – dixen moi serio.

O funcionario miroume con cara de que lle debía cartos, ou de que me odiaba.

- Como que non son seus. Aí está o seu nome, na primeira páxina- abriu un deles – ¿vaime dicir que esta non é a súa letra?, ¿que esta non é a súa sinatura?

Tiroume o volume á cara. El ben sabe dese costume meu, dende a infancia, de poñer o nome na primeira páxina e despois asinar. Arroxoumo con toda a intención de romperme os dentes.

Esquiveino polos pelos que non teño.

Achegueime ao mostrador e saquei todos os libros fóra.

- Mire, repare nos títulos – dixen coa miña mellor voz conciliadora para comezar a enumerar en voz alta - o Libro do Sentidiño, o Manual da Corrección, Tratado das Boas Maneiras, O Home Civilizado, Como facer amigos, Todas as claves para ser feliz… ¿parécelle a vostede que eu teño algo que ver con estas cousas?

- Pero o seu nome… a súa sinatura… – soltou nun fiíño de voz pois eu xa encetaba o camiño da saída.

- Igual foron meus. Pero xa non o son.

Alí quedaron todos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OS PERIGOS DE LER NUN AVIÓN

15th Febreiro 2011 by franciscocastro 11 Comentarios

O luns collín un avión a Madrid antes de que saíse o sol. Non durmira nadiña e estaba moi canso. Así que igual iso explica o que me pasou á ida.
Eu son dos que sempre le a revista que che dan no avión. Sempre hai cousas interesantes. Esa axenda de actos en Moscú, en Bratislava, en Gatz, en todos eses sitios aos que sabes que non vas ir. Esas reportaxes sobre o tirado que está agora ese destino idílico no Caribe, ao que tampouco vas ir. E os anuncios. Impresionantes páxinas brillantes con fotos de mulleres explosivas e homes triunfadores lucindo esas cousas que ti, por suposto, non vas comprar aínda que estean ao teu dispor no propio avión.
Pásase ben, si.
Na revista de Iberia deste mes vexo un anuncio que na parte de abaixo di que poden aprenderme a «hacer desaparecer gente sin problemas». A cousa parece sedutora, sobre todo porque o fulano que me tocou ao lado apesta a viño e vai roncando coa boca aberta. Saco a libreta de notas para coller un boli e marcar o anuncio, ata que me decato de que é unha guía práctica de Photoshop. Daquela, tiven que esquecelo.
Xa a piques de chegar a Madrid, unha Penélope Cruz medio espida sorrime moi decidida. Debaixo da súa foto dise literalmente: «Miniatura disponible a bordo». Non o penso dúas veces. Quero unha. Quero a esta en miniatura. Chamo á azafata. Cando ela xa ven polo corredor, cara ese tipo calvo e entusiasmado que levanta a man para chamala coma un colexial ansioso que por fin sabe unha resposta na clase de matemáticas, vexo que é un anuncio de colonia.
Xa non leo máis revistas destas nunca máis.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (10)

13th Febreiro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Mañá collerei un avión que me levará fóra de casa por cousas de traballo. Moitos quilómetros antes que o sol naza. Despois, cando o sol leve xa moitas horas descansando, collereino de volta.

A última vez que voara en avión, hai uns meses, aproveitara para me mergullar na poesía de Berger. Levitei por riba das nubes, sabendo que lía unhas palabras supremas e que o facía, precisamente, por enriba das nubes. Este náufrago é así de parvo, e toma todo isto das metáforas moi en serio. E pareceume unha fortuna gozar de tan alta literatura estando, precisamente, tan alto.

Por iso mañá aproveitarei que estou por riba das nubes, altísimo, por riba de todo, mañá que estarei de feito dúas veces en menos de vinte e catro horas por enriba moi enriba moito máis alto altísimo que nada, para tirar unha morea de cousas pola ventá. Xa sei que non se poden abrir, claro, as fiestras dos avións. Pero iso non é problema para que me libre para sempre dunha serie de cousas que teño ganas de perder de vista, como por exemplo

o sono perdido, que sempre é pouco, menos do que quixera

a ausencia de tempo para ler, este desacougo de ver os libros a amorearse sen que poida atendelos

e

claro

esta melancolía dos domingos sen obrigas

e os versos que coidei algunha vez xeniais e que só se tiro serei quen de atopar con outras palabras.

Ese tipo de cousas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

EU QUERÍA ESCRIBIR COMO GULUBÚ

10th Febreiro 2011 by franciscocastro 9 Comentarios

Cun mes de retraso recibo a nova do pasamento de María Elena Walsh, a xenial cantante arxentina autora de poemas que musicou e cantou ela mesma e medio mundo.
E chega a nova triste, e póñome a pensar en min, que escribo novelas das que se ten celebrado (a xente é xenerosa) a súa complexidade formal, ou a pluralidade de voces, ou a presenza dun narrador que anda por aí polo medio, como un personaxe máis. E non sei que. E penso en min, ensarillado agora nunha novela coral na que vou meter, tranquilamente, tres anos, a saúde, as horas de insomnio e todo o demais.
E véñenme aos miolos a sinxeleza marabillosa e dificilísima dos poemas de María Elena Walsh, como este Brujito que vos deixo aquí, ou La Mona Jacinta. En aparencia sinxelas. En aparencia simples. Porque é dificilísimo facelo así e non ser cursi.
E penso que, despois de todo, eu o que quería era que me saísen textos como os do brujito de Gulubú.
E que non vou ser quen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿DE QUE DEBERÍA HABER UN MINISTERIO?

7th Febreiro 2011 by franciscocastro 20 Comentarios

O outro día atopei esta foto nun xornal. Non tiña idea de que en Cuba existía un Ministerio del Azúcar. Pareceume absolutamente marabilloso e poético. Ademais, a instantánea, con esa anónima muller que entra (¿a por azúcre?), pareceume do máis suxestiva.

E pensei en como sería un mundo no que houbese un Ministerio para Darlle as Voltas Ás Cousas, ou un país no que existise un Ministerio do Amor ou un Ministerio Contra Naufraxios Emocionais ou algo así.

Daquela, a pregunta vai para vós: ¿de que debería haber un Ministerio?

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (9)

6th Febreiro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Hai uns días recibín un email no que Roberto, bo amigo e mellor escritor, traballador incansable da palabra, procurador da beleza, e lector deste blog, me informaba de que, para a Oficina de Obxectos Perdidos me deixaba, na caixa dunha coñecida librería viguesa, unha cousa para min. Non tardei nin media segundo en ir recoller un fermoso paquete no que me agardaba un agasallo marabilloso: unha colección de imáns relacionados cun universo que el sabe que amo especialmente como é todo o relacionado con Alicia no País das Marabillas.

Coa axuda da miña pequena, os imáns locen fermosos agora por toda a cociña. Non quedou obxecto de metal que non merecese un gato, un pelícano, unha Alicia engrandecida, unha pica, corazón ou trébol.. a miña cociña de náufrago é, agora, Un Lugar Marabilloso.

Con todo isto quero dicir dúas cousas:

1.- Que si, que acepto agasallos :)

2.- Que os escritores, como xa expliquei algunha vez, vivimos no País das Marabillas.

E é unha sorte que os amigos se decaten.

Chuzame! A Facebook A Twitter