NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (8)

Posted by franciscocastro - 30/01/11 at 05:01 p.m.

Parece que non.

Pero si.

Parece que como vivimos nesta exposición permanente de blogs, facebooks, twitters, etc., contámolo todo e que todos saben todo de nós.

Pero non é así.

Para nada é así.

Hoxe saín pasear por esta illa de náufrago, matinando nestes asuntos, reflexionando con calma sobre a tendencia de moitos e de moitas a exhibirse por completo, con quen andan, que fan, onde van, que sinten… sobre ese costume algo impúdico de poñer diante dos nosos ollos atónitos a súa vida de maneira tan descarnada.

E pensei ata que punto iso era algo bo.

E pensei que quizais tanto poñelo todo debaixo dos focos era unha maneira de un perderse a si mesmo.

Mais daquela lembrei que eu, coma ti que estás a lerme, coma tantos e coma tantas, sempre agochamos algún segredo que nunca diremos a ninguén. Que todos temos aló no fondo da memoria algunha lembranza que só ten que ver con  nós e con, por exemplo, contigo, ou con nós e, por exemplo, con eles ou elas. E que iso nunca sairá á luz.

Todo isto para explicar que ao chegar ao máis profundo da reflexión atopei aquel recordo fermosísimo dos catorce anos, aquela lembranza que é só miña e que aínda me emociona-

Direivos que esa memoria morrerá comigo.

Téñoa agora diante dos ollos. E sorrío.

De aquí non sae.

Os comentarios están pechados.