UN PROGRAMA CULTURAL QUE SE DEIXA VER

Posted by franciscocastro - 20/01/11 at 04:01 p.m.

No seu día metémoslle moita caña, e merecida, á TVG, pola supresión de Libro Aberto, aquela fiestra que permitía que o libro galego se visualizase na tele pública (a ver: o da visualización é un falar, porque se emitía de madrugada e entre semana, xa me diredes), algo que, por outra banda, non debería ter nada de excepcional, porque unha das obrigas estatutarias (e de senso común) da televisión galega é promover o uso do galego e apoiar as nosas creacións culturais.

O programa desapareceu, é certo, e sen ser aínda marabillosa a oferta no que a cultura se refire da TVG, é verdade que foron quen de botar a andar espazos culturais interesantes (Eirado, por poñer outro exemplo), cun formato áxil, modernos e con afán de divulgación. O martes pasado cumpriu un ano e é o primeiro programa de información cultural diario da nosa televisión.

E como hai que ser xustos, e parece como que sempre andamos a repartir labazadas, é tempo de recoñecer algunhas cousas que se fan ben. Como por exemplo, o Zig Zag Diario que conduce María Solar, quen, todo hai que dicirlo, ademais é unha magnífica escritora. Sen dúbida, este programa é do mellor que hoxe podemos ver na segunda canle da TVG, Esa Gran Descoñecida, ou, quizais, debería dicir, Esa Gran Desaproveitada.

Que a cultura na tele deixe de zigzaguear, de aparecer e de desaparecer. Que programas lindos coma este perduren no tempo, con mellores horarios aínda (desta vez non hai queixa).

Pensando en clave de país, para nós é máis que necesario.

Os comentarios están pechados.