OS MEUS “TRES CASE PREMIOS”

Posted by franciscocastro - 18/01/11 at 03:01 p.m.

Como o ano pasado, esa web imprescindible para todos os que gustamos na literatura galega que é Fervenzas Literarias, deu a coñecer os resultados da enquisa entre os seus lectores e lectoras sobre que libros, autores, blogs e acontecementos culturais lles pareceron o mellor do ano que vén de rematar.

Así como o ano pasado Chamádeme Simbad foi elixido como o mellor en Infantil, este ano a cousa quedou moi cerca. Así que moi contento porque terminamos aparecendo en tres categorías.

Así, na de Mellor Libro Xuvenil, O segredo de Marco Polo queda en segundo lugar. Pero é normal, porque O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro é unha marabilla.

Por outra banda, e para a miña sorpresa, na categoría de Autor do Ano, aparezo en quinto lugar, detrás de grandísimos como Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Agustín Fernández Paz, e Víctor F. Freixanes. De corazón grazas. É un sorpresón e, dende logo, algo totalmente inmerecido, mimá.

Finalmente, este voso blog, quédase no cuarto lugar, detrás de Brétemas de Manuel Bragado, do Caderno da crítica, de Ramón Nicolás e de Ferradura en Tránsito de Eyré.

Así que moitísimas grazas a todas e a todos os que votastes por estes case que tres premios.

Os comentarios están pechados.